Creada polas Peaky Branders, Desvergonza do galego pon o foco na importancia da aprendizaxe paulatina
ROCÍO MOARES
Desvergonza do galego é o concepto creado por Iria Otero e Sara Piñeiro, As Peaky Branders, para a campaña que puxo en marcha a Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña durante as festas de Nadal. O obxectivo: fomentar o uso do galego nas compras a través dunhas orixinais creatividades que precisamente tiñan erros lingüísticos.
Desta maneira, a Deputación da Coruña quixo animar a falar galego sen medo, porque só se pode mellorar practicando de xeito habitual. Coa campaña pretendíase minimizar a importancia dos erros na fala en contextos como os procesos de aprendizaxe dun idioma ou situacións cotiás como as compras de agasallos.
O concepto da campaña céntrase en animar a falar galego sen medo aos típicos erros que xorden cando se comeza a falar unha lingua
Así, esta iniciativa desenvolveuse en prensa, paid media, redes, pegatinas e tamén estivo presente nos propios locais da Deputación da Coruña. Nestes últimos colocáronse distintivos identificadores de “locais con desvergonza do galego”, cos que se daba a benvida á fala en galego.
Ademais, e baixo a premisa de que o importante é o proceso e a aprendizaxe, a Deputación da Coruña tamén lanzou en redes sociais as mensaxes con erros, acompañados por unha segunda gráfica na que aparecía a creatividade coa mensaxe correcta.
A campaña desenvolveuse en prensa, paid media, redes, pegatinas e tamén estivo presente nos propios locais da Deputación da Coruña
Repercusión no eido dixital
E o éxito non se fixo esperar. Esta novedosa campaña non só trascendeu ao eido dixital a través das institucións, senón que tamén foi compartida en perfís persoais, acadando nalgúns casos miles de reproducións. Sen dúbida, é unha campaña sen vergoña.