Baixo o lema “Dille a San Publicito cal é o teu favorito”, Recados Carmen invita ao sector a seleccionar os mellores spots da historia
REDACCIÓN
O sector prepárase para homenaxear ao patrón. Este ano, Recados Carmen prepara unha sesión de publi & palomitas para honrar a San Publicito. Así, en colaboración con Creatividade Galega e o Clúster da Comunicación de Galicia, organiza unha xornada para celebrar a creatividade do sector en Galicia, na que se proxectarán algúns dos mellores spots da historia.
A cita será o vindeiro venres 26 de xaneiro na sede da axencia en Vigo, situada en Casa Carmen, no número 49 da rúa Nicaragua, a partir das 12:00 horas. Para a selección das pezas que se proxectarán na esperada efeméride, Recados Carmen ten aberta unha landing (sanpublicito.recadoscarmen.com) na que colaborar e “dicirlle a San Publicito cal é o teu spot favorito”.
Dille a San Publicito cal é o teu favorito
E o día do patrón, as pezas audiovisuais incluídas na landing proxectaranse en Casa Carmen, como fonte de inspiración e celebración da mellor creatividade. E é que “San Publicito convértese no mellor pretexto posible para xuntar ás e aos profesionais do sector en Galicia e charlar sobre os básicos do sector (clientes, deadlines, briefings…)”, destacan dende Recados Carmen.
O evento “será un éxito de público grazas á colaboración imprescindible d@s máis festeir@s do mundo da comunicación e da publicidade. Nós sabemos quen somos”, aseguran dende a axencia. “O resto, estades tod@s convidad@s”.