A iniciativa foi presentada esta mañá na librería compostelá Follas Novas
REDACCIÓN
Celebrar o Día das Letras Galegas. É o obxectivo do Certame de Microrrelatos, impulsado por Feiraco, que aspira a contar con moita participación da sociedade galega. O concurso, que celebra a súa duodécima edición, ten dúas categorías, unha para adultos e outra para estudantes. Así o anunciaron o director xeral de CLUN, Juan Gallástegui; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora do departamento de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey; Rafael Silva, fundador da Librería Follas Novas; e a comunicadora do coñecido programa de divulgación lingüística da galega ‘Dígocho Eu’, Esther Estévez, como madriña desta iniciativa por segundo ano.
A través desta iniciativa, a empresa láctea Feiraco, integrada na cooperativa rural galega CLUN, e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude buscan, segundo sinalan dende a organización “promover a lectura en galego á vez que o coñecemento, e o uso e a divulgación do idioma galego”. Na anterior edición, que contou cunha boa participación, gañaron os colexios CEIP Nosa Señora das Dores, de A Coruña, e IES Urbano Lugrís, de Pontevedra.
Chamada a practicar a “Leiteratura”
A directora de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey, explicou que o fin principal do evento é “reivindicar a lectura facendo un chamamento a practicar a Leiteratura”, xa que, apuntou, “a lectura e o leite maridan moi ben, e aportan o noso momento de desconexión diario que precisamos; leiteratura é un momento para deixar as pantallas e dedicar á lectura, recuperando ese espazo que os móbiles, ás veces sen darnos conta, rouban á lectura”. “Practicar a Leiteratura alimenta! Alimenta o corpo, grazas ó leite e alimenta a imaxinación, o coñecemento e a nosa mente, grazas á literatura”, concluíu.
Juan Gallástegui, director xeral de CLUN, destacou, pola súa parte: “O leite e a literatura son dous dos principais produtos de Galicia. A súa unión fala de pasado, presente e futuro. Fala dos galegos e galegas e do que somos quen de conquerir co esforzo de cada día. E que mellor día para celebrar este propósito que o Día das Letras Galegas”.
O XII Certame de Microrrelatos, impulsado por Feiraco, ten por obxectivo contar coa maior participación posible da sociedade galega
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, salientou a novidade desta edición, que inclúe por primeira vez a participación do público adulto “pero sen deixar de lado á mocidade, na que radica o futuro da nosa lingua e á que alentamos sempre a soñar, crear e imaxinar na lingua propia ao igual que no seu día fixo Luísa Villalta”.
Dúas categorías para celebrar as nosas letras
Aqueles que queiran participar neste certame e conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado á poetisa Luisa Villalta, xa poden preparar os seus relatos. Estes deberán ser orixinais, estar escritos en galego, ter un máximo de 500 palabras. A temática é libre, coa única condición de que a historia ten que comezar coa frase: “Púxenme a escoitar…”.
As persoas participantes na categoría de adultos (maiores de 18 anos) deberán subir os seus escritos en formato PDF a esta web do 23 de abril ao 18 de maio. No caso da categoría xuvenil (entre 12 e 18 anos), será o profesorado de cada centro educativo galego quen seleccionará o mellor relato presentado polo alumnado e o subirá entre o 8 de abril ao 18 de maio ao mesmo sitio web.
A directora de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey, explicou que o fin principal do evento é “reivindicar a lectura facendo un chamamento a practicar a Leiteratura”
Un xurado conformado por persoal de Feiraco e da Secretaría Xeral da Lingua seleccionará os tres relatos premiados de cada categoría dacordo a tres criterios: orixinalidade e creatividade da historia, coidada redacción e uso correcto da lingua galega. Todas as persoas premiadas levarán un lote de produtos da marca. A maiores, o primeiro premio sumará un ano de libros en galego e un agasallo especial: unha vaca suxeitalibros de Feiraco feita por un artesán galego en madeira de bidueiro. O segundo premio levará un ano de libros en galego; e o terceiro premio incluirá unha selección de libros de Luisa Villalta.