O CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol acollerá unha xornada o 29 de xuño sobre o impacto do deseño en diferentes ámbitos
REDACCIÓN
O deseño como ferramenta para xerar impacto é o tema da sexta edición do Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia, que terá lugar o xoves 29 de xuño no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol con motivo do Día Mundial do Deseño Industrial. O encontro celébrase no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA.
O evento está aberto aos profesionais do deseño de todas as áreas de especialización
Organizado polaVicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación, o evento está aberto a todos os profesionais do deseño de todas as áreas de especialización, dende o sector gráfico ao deseño de moda, pasando polo estratéxico, industrial e de produto. Tamén poderán participar os estudantes e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación, competitividade e sostibilidade nas organizacións.
O impacto do deseño: económico, social e para o desenvolvemento sostible
As persoas que asistan ao VI Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia poderán coñecer de primeira man as experiencias de empresas e entidades galegas en relación ao deseño con propósito e a medición do seu impacto na estratexia empresarial; o deseño como medio para unha innovación inclusiva e para o emprendemento social; e o deseño ao servizo do desenvolvemento sostible.
Os asistentes poderán coñecer de primeira man as experiencias de empresas e entidades galegas en relación ao impacto do deseño
As intervencións estrutúranse en tres bloques. O primeiro deles versará sobre o deseño e mailo impacto económico e contará coa intervención da socia fundadora de Gabeiras & Asociados, Patricia Gabeiras, e os fundadores de Desoños, Carlos Álvarez y Noelia Estévez. O tema do segundo bloque será o deseño e o impacto social e contará coa participación do cofundador de DesignThinking.gal, Marcos Saavedra; e da fundadora e CEO de Envita, Noelia López. Por último, no bloque sobre o impacto do deseño para o desenvolvemento sostible participarán Javier García e Juan Lago, director técnico y director de innovación de Sinerxia; e a cofundadora e CEO de The Painter’s Wife, Rosana Agrelo.
Ao remate do encontro, David Barro (asesor do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade — DIFERENZA e director da Fundación DIDAC) explicará para quen queira asistir, no mesmo espazo do CIS Tecnoloxía e Deseño, as liñas xerais que seguirá como comisario do país convidado na Porto Design Biennale, que centrará nos procesos e as formas do deseño no contexto galego.
O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.