O proxecto editorial e expositivo de DIFERENZA reúne o mellor do deseño para a innovación

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participa na inauguración da exposición Formas propias. Deseño para a innovación en Galicia. No acto tamén se presentou o Dicionario do deseño e da innovación de Galicia. Imaxe: Xoán Crespo

A mostra “Formas propias. Deseño para a innovación en Galicia” inclúe preto dun cento de proxectos de profesionais do deseño galego de todas as especialidades


REDACCIÓN


A Xunta de Galicia, coa colaboración da Fundación DIDAC, puxo en marcha en novembro un novo proxecto editorial e expositivo para a difusión de casos de éxito no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-DIFERENZA.

A exposición “Formas propias. Deseño para a innovación en Galicia” permaneceu aberta ata mediados de decembro na sede de DIDAC, en Santiago de Compostela, e proximamente comezará a súa itinerancia por varias cidades galegas. Durante o acto de inauguración da mostra foi presentada tamén a publicación ABC-Deseño. Dicionario do deseño e da innovación de Galicia.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou que esta iniciativa busca darlle visibilidade ao valor do deseño para a innovación a través dos mellores expoñentes desta simbiose en Galicia.

O ABC-Deseño. Dicionario do deseño e da innovación de Galicia é unha publicación viva que nace con 140 referencias

En total, a mostra inclúe preto dun cento de proxectos de profesionais do deseño galego de todas as especialidades (gráfico, industrial, de produto, de servizos, de moda, etc.) e traballos realizados por e para empresas galegas de múltiples sectores, como a moda, a alimentación, o forestal, as telecomunicacións, a biotecnoloxía, o editorial, a iluminación ou a hostalería.

Unha publicación viva

O dicionario, que está dispoñible para consulta e descarga na web da Axencia Galega de Innovación (gain.xunta.gal), é un compendio de casos de éxito que representan o mellor do talento dos profesionais do deseño galego, da experiencia das empresas que incorporan o deseño e dos recursos e materiais naturais e sostibles. Trátase dunha publicación viva que nace con 140 referencias e irá crecendo nos próximos meses.

Durante o acto de presentación, Patricia Argerey puxo en valor o esforzo realizado nos últimos catro anos pola Xunta de Galicia para apoiar o deseño como ferramenta estratéxica de innovación e competitividade empresarial, e para lograr que todos e todas os profesionais do deseño galego se sintan parte do ecosistema de innovación.

DeseñaPeme apoia 29 proxectos novos de integración do deseño na empresa

O programa DeseñaPeme –a liña de axudas específicas da Xunta de Galicia para que as microempresas e pemes galegas incorporen o deseño á súa estratexia de crecemento–, suma o apoio a 29 novos proxectos coa resolución da súa segunda edición.

Os proxectos beneficiarios de DeseñaPeme 2022 están aliñados coas prioridades establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia en tres modalidades concretas: deseño de produtos novos ou redeseño dos xa existentes (20); deseño ou redeseño de servizos e experiencias (7); e deseño de marcas e packs de identidade corporativa con especial atención aos valores sostibles e innovadores (2).

A través dun investimento público de preto de 1,5 millóns de euros, o Goberno galego está xa a apoiar 29 proxectos, que mobilizarán 3 millóns de euros e implicarán 93 contratos (19 novas incorporacións e o mantemento de 74 postos de traballo cualificados nas empresas beneficiarias).

Esta edición supón un incremento dos proxectos apoiados –catro máis que en 2021– e tamén do persoal implicado nos proxectos (un 33% superior ó do ano pasado, con 23 profesionais máis). A suma das dúas edicións do programa ten como resultado 54 proxectos apoiados, a mobilización de 6 millóns de euros a partir dun investimento público de 3 millóns de euros e o financiamento de 163 postos de traballo.

Das 29 empresas que resultaron beneficiarias na convocatoria 2022, 14 son micropemes, 13 son pequenas empresas e dúas, medianas. Por sectores, a maioría dos proxectos teñen que ver cos servizos profesionais (cinco); seguidos da automoción, a madeira e o moble e o turismo e o ocio (catro en cada un destes segmentos de actividade); agroalimentario e bens de equipo e maquinaria (tres en cada un); e comercio, construción, industria cultural e audiovisual, industria naval, téxtil-confección e transporte (un en cada caso).

Mediante estas axudas, a Xunta quere contribuír a que o deseño estratéxico se convirta nun elemento relevante e habitual na planificación, nos procesos e no modelo de negocio das empresas galegas. Isto materialízase no incremento da súa capacidade innovadora e da súa competitividade no mercado global, con base na repercusión directa que ten a incorporación do deseño nalgúns dos aspectos máis significativos da actividade empresarial: volume de vendas, penetración no mercado, internacionalización, propiedade industrial, diferenciación, imaxe percibida e recoñecemento de marca, fidelización do cliente, etc.

O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.

Artículo anterior
A Coruña eventos

A Coruña premia a cuatro profesionales por atraer eventos

Siguiente artículo

Afterwork At Home estrea o 2023 cunha formación sobre captación de leads