A exposición amosa un tesouro artístico único no mundo, pertencente ao Terra Sancta Museum de Xerusalén
REDACCIÓN
A exposición “Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum” recibiu xa un total de 10.000 visitas durante o seu primeiro mes de apertura no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
Organizada pola Xunta de Galicia, en colaboración co Terra Sancta Museum de Xerusalén, a Custodia de Terra Santa e o Museu Calouste Gulbenkian de Lisboa, achega a Santiago de Compostela, por primeira vez e como única cita en España, un dos grandes tesouros históricos e artísticos do mundo, composto por ofrendas das grandes casas reais europeas a Terra Santa ao longo de medio milenio.
A mostra, que só percorrerá catro cidades do mundo antes de voltar a Xerusalén (Lisboa, Santiago de Compostela, e dúas citas máis en Europa e nos Estados Unidos aínda por desvelar), abriu as súas portas ao público o pasado 22 de marzo na Cidade da Cultura, onde poderá visitarse, con entrada libre e de balde, ata o vindeiro 4 de agosto.
A exposición achega a Santiago de Compostela, por primeira vez e como única cita en España, un dos grandes tesouros históricos e artísticos do mundo
A exposición conta, ademais, cun programa de visitas comentadas de balde, destinadas tanto ao público xeral como a centros educativos, que, debido á gran demanda, verá reforzada a súa oferta. Para asistir a unha destas visitas guiadas cómpre reservar praza previamente a través da páxina web habilitada.
Un percorrido único a través da Historia
“Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum” viaxa pola historia das Coroas de España, Portugal, Francia, o Sacro Imperio Romano-Xermánico e o Reino de Nápoles e Dúas Sicilias, que fixeron chegar a Xerusalén excepcionais conxuntos artísticos de ourivería, téxtiles, tapices, xoias ou cálices para seren utilizados no culto e na ornamentación da Basílica do Santo Sepulcro e outras igrexas deste territorio.
A exposición exhibe, polo tanto, todo tipo de obxectos. Dende relevos, altares, ata baldaquinos, cruces, ou báculos, todos eles dun valor artístico incalculable, elaborados en ouro, prata e pedras preciosas, cos que as grandes casas reais católicas europeas pretendían demostrar o seu poder e a súa devoción, nun lugar de profunda simboloxía espiritual.
A exposición exhibe todo tipo de obxectos dun valor artístico incalculable, elaborados en ouro, prata e pedras preciosas
O percorrido expositivo complétase con pezas arqueolóxicas, pictóricas e outras obras senlleiras das coleccións do Museu Calouste Gulbenkian, do Museo Nacional de Arte Antiga de Lisboa, da Biblioteca Nacional de Portugal ou da Colección BBVA, entre outras.
Destacan tamén obras procedentes de institucións galegas como o Museo das Peregrinacións e o Museo da Catedral de Santiago, o Museo de Terra Santa do Convento de San Francisco de Compostela, o Museo Massó, o Museo Catedralicio e o Diocesano de Mondoñedo.
Tamén cómpre sinalar outras pezas de importante valor cultural e raramente vistas, pertencentes ás ordes de clausura de Santa Clara en Santiasgo de Compostela e das Madres Capuchinas de Oleiros.
A exposición está comisariada polo historiador francés e membro do Comité Científico do Terra Sancta Museum, Jacques-Charles Gaffiot; a directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago, Esperanza Gigirey; o conservador de Ourivería e Xoiaría do Museu Calouste Gulbenkian, André Afonso; e o ministro provincial da Orde Franciscana en Santiago de Compostela, Juan Manuel Buján.