Arredor de 24.000 vivendas beneficiáronse do plan do Instituto Galego da Vivenda e Solo dende o ano 2022
REDACCIÓN
A Xunta leva anos promovendo e apostando pola rehabilitación de inmobles destinados a usos residenciais, tanto a través de actuacións directas destinadas a reforzar o actual parque público de vivendas, como da concesión de axudas económicas a particulares, comunidades veciñais e promotores.
A Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, aprobada en abril do ano 2019, foi impulsada co obxectivo de situar á comunidade á vangarda do país nesta materia, dándolle un pulo importante ás políticas de rehabilitación e apostando de forma decidida pola recuperación do patrimonio xa construído.
No campo da rehabilitación residencial, Galicia foi unha das comunidades que mellor aproveitou a oportunidade que supuxeron os fondos europeos do programa NextGenerationUE destinados á vivenda.
Mellorar a eficiencia enerxética
A través de diferentes programas e liñas de incentivos convocados desde 2022, o Instituto Galego da Vivenda e Solo destinou cerca de 140 millóns de euros a conceder axudas a propietarios particulares, comunidades de veciños e concellos para rehabilitar co fin de mellorar a eficiencia enerxética de cerca de 24.000 vivendas no conxunto de Galicia.
Ante o éxito destas axudas, que se resolveron ademais nos dous últimos anos cunha elevada porcentaxe de execución, a Xunta ten previsto publicar en 2024 unha nova convocatoria dos programas para rehabilitación enerxética a nivel de edificio, a nivel de vivenda e para a redacción de proxectos e do libro do edificio, cun orzamento inicial de 37 millóns de euros.
A Xunta declarou un total de 7 Áreas Rexurbe no conxunto de Galicia coa finalidade de facilitar a recuperación de conxuntos históricos declarados Bens de Interese Cultural (BIC)
No ano 2022 destináronse 59.978 euros a axudas e 1.259.031 euros a apoio ás oficinas de rehabilitación, cun total de 61.237.006 euros. No ano 2023 o orzamento foi de 72.788.263 euros para axudas e de 2.317.592 euros para oficinas de rehabilitación; cun total de 75.106.155 euros.
Programa Rexurbe
Neste contexto, puxo en marcha o chamado programa Rexurbe, concibido para a compra de inmobles abandonados e solares baleiros localizados en centros históricos co fin de rehabilitalos e destinar as vivendas resultantes a alugueiro a prezos accesibles.
En desenvolvemento dunha das figuras introducidas pola Lei de rehabilitación, a Xunta declarou un total de 7 Áreas Rexurbe no conxunto de Galicia coa finalidade de facilitar a recuperación de conxuntos históricos declarados Bens de Interese Cultural (BIC) a través da aposta por combinar e concentrar os recursos para que cheguen alí onde máis se necesitan, posibilitando á vez a combinación de diferentes instrumentos de financiamento público-privado.
Son, en concreto, as de Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia, aprobadas no ano 2020; a de Tui, en 2021; as de Ribadeo e Ferrol, aprobadas un ano despois; e a máis recente de todas, a de Betanzos, declarada oficialmente en 2023.