Os interesados en acadar algún dos galardóns poden enviar os seus traballos ata a medianoite de hoxe
REDACCIÓN
Remata o prazo de inscrición para os aspirantes aos Premios Paraugas. Os interesados en participar na VI Edición dos Premios da Comunicación e do Marketing de Galicia dispuxeron dun prazo ampliado para enviar os traballos cos que aspiran a acadar os galardóns das diferentes categorías do certame. Así, as propostas poden remitirse, a través da páxina web premios.clustercomunicacion.gal, ata a medianoite de hoxe (27 de outubro).
O Clúster da Comunicación de Galicia concede estes premios, creados no ano 2006 coa idea de promover o excelente traballo que se fai na comunidade galega en eidos como o deseño gráfico e o márketing dixital, a empresas, institucións, organizacións e profesionais que, co seu bo facer, aportan creatividade e calidade á cadea de valor da comunicación.
Premios e categorías
Os Premios Paraugas distinguen aquelas pezas e estratexias de creatividade, de deseño, de edición, de industria gráfica, de márketing, eventos e de comunicación que sobresaen pola súa innovación, funcionalidade, boas prácticas e pola obtención de resultados tanxibles.
Os traballos presentaranse nos formatos e cos elementos complementarios que o participante estime oportunos e que axuden a ilustrar o obxectivo perseguido en cada caso. As categorías que se van premiar son: Impresión e Edición, Deseño, Creatividade, Márketing Dixital, Márketing, Comunicación e Eventos.
No marco da categoría Edición inclúense as categorías Premio Paraugas ao Mellor Libro e Premio Paraugas ao Mellor Traballo de Publicidade Comercial. Na categoría Impresión, distinguirase o Mellor Traballo Comercial (libro, folleto ou catálogo) feito en impresión dixital.
Por outra banda, na categoría de Deseño distínguese o Premio Paraugas ao Mellor Deseño Gráfico e o Premio Paraugas ao Mellor Deseño Industrial ou de Produto. Tamén se outorgará un Premio ao Mellor Deseño Dixital. En Creatividade, distinguirase cun Premio Paraugas á Mellor Idea, con outro a Mellor Campaña e con outro a Mellor Producción (Craft).
A categoría de Eventos é unha das grandes novidades desta edición dos Premios Paraugas. A organización quere recoñecer con ela o traballo que fan os profesionais adicados a organización dos eventos, nos que a comunicación e o deseño teñen unha grande importancia. Esta categoría recoñecerá o Mellor Congreso, o Mellor Incentivo de Empresa e o Mellor Evento.
Os nomes dos gañadores dos Premios Paraugas coñeceranse o vindeiro 12 de novembro, durante a gala que se celebrará no recinto feiral Expourense.