Estes son os proxectos gañadores dos Premios Spin-Off PuntoGal

A spin-off da USC Mestrelab Research (Selo de Calidade), a start-up viguesa Alice Biometrics (Idea Emerxente) e o grupo Laboratorio de Bases de Datos (Grupos de Investigación) resultaron elixidos gañadores, nas súas respectivas categorías, polo xurado da V edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que se reuniu en Santiago.

O xurado do certame salientou a calidade das propostas presentadas para esta nova edición dos premios, que organizan o dominio PuntoGal e GCiencia e que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis.

Mestrelab Research, Alice Biometrics e Laboratorio de Bases de Datos foron os escollidos polo xurado

O xurado acordou por unanimidade a concesión de cada un destes galardóns despois dun longo debate en cada categoría, dadas as dificultades para elixir gañadores nos tres apartados existentes. Recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios son dous dos principais obxectivos aos que pretenden contribuir estes premios.

Os elixidos

Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de nova creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora en tempos recentes, resultou gañadora a empresa de Vigo Alice Biometricsque desenvolveu unha solución á necesidade de poñer en marcha sistemas de identificación biométrica remotos. Esta aplicación permite a outras compañías e institucións verificar a identidade dos seus clientes e usuarios mediante un documento e unha autofoto. O proxecto de Alice Biometrics creouse dentro do centro de investigación Gradiant, no que participan as tres universidades galegas.

En Grupos de Investigación, o xurado dos premios de PuntoGal escolleu ao Laboratorio de Bases de Datos (LBD), grupo adscrito á Universidade da Coruña. A traxectoria dun grupo que ven traballando dende o ano 1996 no ámbito das tecnoloxías de bases de datos e sistemas de información para a xestión de empresas e entidades, con fitos como a creación da Biblioteca Virtual Galega, foi un dos factores que motivou a decisión. Ademais, o grupo está encabezado pola prestixiosa investigadora Nieves Rodríguez Brisaboa, que obtivo o Premio Nacional de Informática en 2019.

Por último, no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras que consolidasen unha traxectoria de prestixio nos últimos anos, premíase á spin-off da Universidade de Santiago Mestrelab Research. Trátase dunha compañía nacida en 2004 que se converteu nun dos líderes mundiais no software especializado en investigación química. O xurado destacou o elevado nivel de internacionalización da compañía e a capacidade para consolidar un modelo de negocio de éxito e tamén tivo en conta a súa aposta polo talento local nun campo de actuación moi competitivo.

Artículo anterior
VI Premios Paraugas finalistas

Remata o prazo de presentación de proxectos dos Premios Paraugas

Siguiente artículo
impresión

HP sitúa a sostibilidade no centro do negocio