O pasado venres 12 de febreiro, celebrouse a primeira edición virtual dos Premios da Comunicación e do Márketing de Galicia. Nestos V Premios Paraugas máis de 500 conexións, actuacións musicais e centos de participantes seguiron a gala en streaming para festexar e recoñecer todo o talento galego no eido da comunicación, márketing, creatividade, eventos, edición, impresión, deseño e márketing dixital. Por vez primeira, ademais, disitinguiuse a organización de eventos.
Nesta edición outorgáronse 18 galardóns
Nestes V Premios Paraugas foron premiados un total de 18 proxectos de empresas, institucións e axencias pola súa creatividade, calidade e bo facer. O presidente do Clúster da Comunicación, Xosé Luis Reza, quixo destacar a capacidade de adaptación e superación do noso sector nos momentos máis duros da pandemia e agradeceu o apoio de todos os colaboradores e patrocinadores, que fixeron posible a celebración dos nosos premios.
Mencións especiais
A gala tivo momentos moi especiais nos que foron recoñecidos de forma especial os proxectos SON Galicia, de Estrella Galicia, e Súper Feirón, de Tony Le Brand, por ser considerados un gran expoñente da adaptación da creatividade e das estratexias de márketing ao contexto Covid.
Por mor da pandemia, o acto celebrouse virtualmente
Ademais, o xurado da categoría Eventos tamén quixo darlle un recoñecemento especial ao proxecto Galicia MICE, de Trevisani, por ser unha verdadeira panca para dar a coñecer as posibilidades de Galicia non só como sede, senón tamén como promotor de eventos.
Relación de premiados
Despois das máis de 250 candidaturas presentadas e dos 52 proxectos finalistas seleccionados, o xurado outorgou os galardóns. Así, na categoría de Impresión e Edición, patrocinada por HP Indigo, fíxose co Premio Paraugas ao Mellor Libro á obra O pacto do Letargo. O tríscele roubado de Gráficas Anduriña. O Premio Paraugas ao Mellor Catálogo Publicitario, dentro desta mesma categoría, foi para Catálogo Iluminación 2020 de Tecsoled, elaborado por Meraki Creatividad. En Impresión, o Premio Paraugas ao Mellor Traballo Comercial recaeu en Recetas para conservar otros 150 años (Albo), de Wired & Linked.
Na categoría de Deseño, patrocinada por GAIN, o Premio Paraugas ao Mellor Deseño Gráfico foi parar ao Restyling da marca 1906 de Cervezas 1906 de Hijos de Rivera. Por outra banda, o Premio Paraugas ao Mellor Deseño Industrial ou de Produto recaeu en Power Bike P2R. Pablo Iglesias de Lavelle Bikes. E o Premio Paraugas ao Mellor Deseño Dixital distinguiu a Web Arturo Álvarez de Teiga, Studio.
A categoría de Creatividade, patrocinada por ICON, entregou o Premio Paraugas á Mellor Creatividade Gráfica a Naipes Agencia Gráfica de Desescribir. O Premio Paraugas á Mellor Creatividade Audiovisual foi para Navidad de Bigotes, de Nueva Pescanova e o Premo Paraugas á Mellor Execución de Idea distinguiu o proxecto #DígochoEu da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).
Durante a gala actuaron Guadi Galego, Eladio (de Los Seres Queridos), Xoel López e Pablo Lesuit
Noutra das categorías, a de Márketing Dixital, patrocinada por PuntoGal, outorgouse o Premio Paraugas á Mellor Estratexia de Márketing Dixital a Bonilla a la vista: una transformación digital de cine, a cargo de Visual Publinet. O Premio Paraugas á Mellor Campaña de Produto ou Servizo foi tamén para Navidad de Bigotes de Nueva Pescanova e o Premio Paraugas ao Mellor Proxecto de Social Media puxo en valor o traballo de redes sociais de Husqvarna España – redes sociais, realizado pola axencia Nasas.
Dentro da categoría de Comunicación, patrocinada por Galicia Calidade, distinguise co Premio Paraugas á Mellor Estratexia de Comunicación Externa a campaña Bonilla a la Vista-Parásitos, Eme Comunicación-Wise. O Premio Paraugas á Mellor Estratexia de Comunicación Interna foi para El Cluedo, de Wired & Linked, e o Premo Paraugas á Mellor Práctica na Comunicación da Responsabilidade Social Empresarial outorgouse a Camino Sostenible de Miramemira.
Na categoría de Márketing, avalada por Avante Evolumedia, fíxose merecente do Premio Paraugas á Mellor Estratexia ou Acción de Branding a Manifiesto (La Resistencia une a la Resistencia) de Hijos de Rivera, realizada pola axencia Tony Lebrand. O Premio Paraugas á Mellor Estratexia/Acción de Produto recaeu en Brocha de afeitar Edicion Limitada A rapa das bestas de Carlos Conde Peluqueros.
Finalmente, na categoría Eventos, patrocinada por TAC, premiouse o traballo do Programa social virtual de ECAI 2020, realizado por Trevisani.
Plataforma para a difusión
Un dos principais obxectivos dos V Premios Paraugas, creados en 2016 polo Clúster da Comunicación, é servir de plataforma para a difusión do talento dos profesionais do sector.
Por iso, despois do aprazamento no pasado mes de novembro da gala presencial que cada ano ten lugar en Expourense, a Xunta Directiva do Clúster da Comunicación de Galicia, xunto cos patrocinadores e cos colaboradores desta edición, decidiron celebrar unha gala de entrega de galardóns de forma online, que permitira outorgar os premios de xeito seguro, cumprindo coas medidas restritivas aprobadas polas autoridades sanitarias para o actual período.
Os comunicadores Luis Fraga e Belén Xestal foron os encargados de conducir a gala, que contou coa presenza de destacados persoeiros do eido institucional coma o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Luis Fernández, ou o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. No acto houbo tamén tempo para diferentes actuacións. Entre elas, a de Guadi Galego, Eladio (de Los Seres Queridos), Xoel ou Pablo Lesuit.