A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, promove a primeira edición do Certame de Materiais Innovadores de Galicia para identificar e recoñecer os materiais máis innovadores desenvolvidos recentemente por empresas e centros de coñecemento galegos.
Calquera persoa ou entidade pode promover candidaturas, xa sexa como creadora, como usuaria ou simplemente en calidade de interesada neste campo de coñecemento. O prazo para facelo estará aberto ata o 24 de febreiro de 2021.
Esta iniciativa, impulsada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, no marco do Programa de Deseño para a Innovación, ten como obxectivo último promocionar e difundir os novos materiais creados en Galicia e poñer en valor o esforzo de I+D que se realiza neste campo desde as empresas e grupos de investigación.
Os materiais seleccionados serán distinguidos nun evento público e incluídos na exposición permanente –situada no CIS Tecnoloxía e Deseño, en Ferrol– e na base de datos da Materioteca de Galicia, así como nunha monografía especial que se editará tanto en papel como en formato dixital para darlle difusión dentro e fóra de Galicia. Ademais, pasarán a formar parte da Materioteca de Materially e serán promocionados mediante unha exposición itinerante por varias cidades de toda España, o que contribuirá a ampliar a súa difusión.
O certame consta de catro categorías:
- Materiais obtidos de procesos artesanais ou con limitada capacidade de produción.
- Materiais desenvolvidos por empresas ou agrupacións de empresas galegas para a súa comercialización.
- Materiais desenvolvidos por grupos de investigación de centros de coñecemento públicos e privados (universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos), ben como resultado de proxectos individuais ou en consorcio con outros grupos ou entidades.
- Materiais desenvolvidos por grupos mixtos formados por empresas e centros de coñecemento, en calidade de participantes nalgún proxecto financiado con fondos públicos autonómicos, estatais ou europeos.
Materiais desenvolvidos por grupos mixtos formados por empresas e centros de coñecemento, en calidade de participantes nalgún proxecto financiado con fondos públicos autonómicos, estatais ou europeos.
As bases completas e os detalles do procedemento e da documentación a presentar poden consultarse na páxina web da Materioteca de Galicia: https://www.materioteca.gal/gl/bases-do-certame-de-materiais-innovadores-de-galicia-edicion-2020/