Foro da Comunicación, Mercado Tecnolóxico e Afterworks, entre as accións do Clúster

Os Afterworks At Home Marketing & Comunicación, de xeito online debido á pandemia, regresaron o 23 de setembro, tras o parón estival, da man do director xeral de Torres y Carrera Consultores de Comunicación, Xurxo Torres, quen, baixo o título ÅeVerdade InkómodaÅf, abordou a singularidade social e como a situación xeopolítica global e a revolución tecnolóxica cuestionan a xestión da percepción como base do negocio da comunicación. Así, o especialista analizou por que a cidadanía demanda a verdade das cousas e, ao mesmo tempo, amplifica alburgadas máis próximas á súa comodidade ideolóxica que á realidade. 

O Clúster da Comunicación organizou unha xornada para atopar solucións tecnolóxicas ás necesidades do sector

No mes de outubro, dentro dos Afterworks At Home, Carlos Carro, márketing & communication manager de Eurobanan, detallou as tendencias do sector hortofrutícola. O experto compartiu as oportunidades que presenta o segmento da alimentación de produtos frescos, que inclúe desde o sector primario ao terciario, para o márketing e a comunicación. 

A responsable de comunicación e márketing do Grupo Zendal, Beatriz Díaz Lorenzo, impartiu a charla do mes de novembro, na que falou de como construír marcas desde a visión do márketing farmacéutico. Beatriz Díaz explicou como se fabrican as marcas de Zendal e se fan chegar as mensaxes aos distintos grupos de interese. 

Mercado tecnolóxico

Co obxectivo de atopar posibles solucións de ámbito dixital e tecnolóxico a problemas, retos ou necesidades dixitais que xorden na actividade diaria das empresas do sector da comunicación, o 15 de decembro celebrouse a xornada ÅeMercado Tecnolóxico para Empresas de Márketing e ComunicaciónÅf. 

O enxeñeiro e investigador da Área de Sistemas Intelixentes de Gradiant, Joaquín Lago, inaugurou o evento, organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia, en colaboración co Centro Tecnolóxico Gradiant. Joaquín Lago, quen traballa no desenvolvemento de tecnoloxías e ferramentas para o procesado da linguaxe natural (PLN), centrando as súas investigacións na análise de contidos para a xeración de valor engadido, baseou a súa intervención nos ámbitos máis demandados e prometedores para emprender proxectos que permitan xerar valor dos contidos publicados nas redes, así como nas técnicas que se poden empregar en cada un deles.

Na segunda parte da xornada tiveron lugar as Sesións One to One, é dicir, encontros individuais entre as empresas de comunicación e os asesores tecnolóxicos e de innovación de Gradiant. O obxectivo destas reunións foi ofrecer asesoramento, buscar provedores ou solucións tecnolóxicas ás demandas dixitais que manifestaron as empresas do sector da comunicación.

Durante estes encontros personalizados, cada unha das compañías tivo a oportunidade de expoñer de maneira próxima e directa o seu problema, o seu reto ou obxectivo a alcanzar ou solucionar.

Comunicar en pandemia

A forma de comunicar en tempos de incerteza foi o eixo central do Foro da Comunicación de Galicia, celebrado en Expourense o 20 de novembro. O evento, que se puido seguir a través de Zoom ou do equipo audiovisual das instalacións do recinto feiral, arrincou cunha mesa na que interviñeron Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense; Jorge Pumar, deputado de Innovación e Turismo da Deputación de Ourense; Xosé Luis Reza, presidente de Markea e do Clúster da Comunicación de Galicia; e Emma González, directora adxunta de Expourense.

Artículo anterior
Patricia González Max

Patricia González Max: “En la mayor parte de empresas, la comunicación es la eterna asignatura pendiente”

Siguiente artículo
Certame de Materiais Innovadores

O Certame de Materiais Innovadores de Galicia celebra a súa primeira edición