Unha xornada online sobre o reto climático desenvolverase o 10 de novembro
FELIPE VIEIRA
O clima está a mudar e cómpre comunicar eficazmente este feito crucial que afecta ao futuro da humanidade. Tal e como se sinala dende a páxina web do Ministerio de Transición Ecolóxica, o actual cambio climático é diferente aos anteriores que se produciron na historia por dous motivos. Un deles, que os científicos coinciden en sinalar como a causa actual do cambio de clima é a emisión, como resultado da actividade humana, dos denominados gases de efecto invernadoiro. O outro ten que ver coa velocidade, o actual cambio climático está ocorrendo moi rapidamente, o que dificulta adaptarse ás novas condicións.
O cambio climático, polo tanto, xa é unha realidade observable que se expresa en todo o globo terráqueo a través do ascenso das temperaturas medias. En concreto, no territorio español tense observado un alongamento dos veráns, a diminución dos caudais medios dos ríos, a expansión do clima de tipo semiárido e o incremento das vagas de calor, cada vez máis frecuentes, longas e intensas.
Pedro Tasende, CEO de Aporta Comunicacíon, moderará a mesa de debate
Para dar conta desta realidade promóvese un foro online concreto sobre esta cuestión. ‘Memorias da terra. Desafíos e oportunidades ante o reto climático’ é o título da xornada online que desenvolven conxuntamente o Clúster da Comunicación de Galicia, a consultora Torres y Carrera e o Círculo de Empresarios de Galicia, o mércores 10 de novembro a partir das 19:00 horas.
A presentación da xornada correrá a cargo de Marcelino Otero, coordinador do Foro de Enerxía e Medio Ambiente do Círculo de Empresarios de Galicia; de Xosé Luis Reza, presidente do Clúster da Comunicación de Galicia; e de Pedro Tasende, senior advisor en Sostibilidade de Torres y Carrera e CEO de Aporta Comunicación.
Mesa redonda
Precisamente, Pedro Tasende será o encargado de coordinar a mesa redonda que se desenvolverá ao abeiro deste foro. Nesta mesa redonda participarán Deborah García Bello, química e divulgadora científica con presenza no espazo Orbita Laika de RTVE; Martín Barreiro Carreira, físico e especialista en Oceanografía e Climatoloxía e meteorólogo en RTVE; e Joaquín Mirkin, senior advisor en Asuntos Públicos en Torres y Carrera e CEO de Mirkin Consulting Public Affairs.
Para participar na xornada é preciso inscribirse no seguinte link.