Ourense transfórmase este venres na capital da comunicación

De esquerda a dereita, o director de Xantar, Rogelio Martínez; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; a xerente do INORDE, Emma González; e o presidente do Cluster da Comunicación de Galicia, Xosé Luis Reza.

REDACCIÓN


O Foro da Comunicación de Galicia e os Premios Paraugas quentan motores para unha nova edición

Un total de 22 relatores analizarán este venres as últimas tendencias no sector da comunicación, márketing dixital, publicidade e deseño na 9ª edición do Foro da Comunicación de Galicia, un evento que se celebrará no recinto feiral de Expourense, pero que tamén se poderá seguir de xeito presencial. Iso si, a asistencia precisa de inscrición previa a través da web de Expourense. Ademais, como xa é habitual, este foro servirá de antesala para a gala de entrega dos Premios Paraugas e ambas as dúas actividades transformarán Ourense este venres na capital da comunicación galega.

As fake news e os bulos serán un dos temas principais do foro. De feito, o CEO da consultora de Torres y Carrera e un dos maiores expertos en España na análise da chamada ‘posteverdade’, Xurxo Torres, impartirá unha conferencia baixo o título ‘O relato da mentira e o algoritmo’. Ademais, as fake news tamén se analizarán durante unha mesa redonda que comezará ás catro e media da tarde e na que participará unha das colaboradoras de ‘maldita.es’, o medio de referencia en España sobre este tema.

Unha mesa redonda sobre márketing dixital

Doutra banda, como cada ano, o Foro da Comunicación de Galicia acollerá unha mesa redonda sobre márketing dixital na que participarán axencias punteiras neste sector e que estará centrada nas reflexións esenciais para potenciar o márketing de contidos. Estará moderada polo director de márketing de PuntoGal, Luis Antelo, e contará coa participación do director de Márketing de Rei Zentolo e socio director de Elemental Chefs, Isaac González; o CEO do Grupo Raiz, Jose Manuel Regueiro; o coordinador do master en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais da Universidade de Vigo, Xabier Martínez Rolán; e da experta en creación de contidos e coordinación de estratexia de márketing B2B en Bannister Global, Verónica Casas.

O foro acollerá unha mesa redonda sobre márketing dixital na que participarán axencias punteiras

A volta á presencialidade dos Premios Paraugas

Trala clausura do 9º Foro da Comunicación de Galicia comezará a VI edición dos Premios Paraugas que serán este ano presenciais trala celebración dunha edición virtual por mor da pandemia da Covid-19. Como en anos anteriores, o xurado tivo que elixir entre as numerosas candidaturas presentadas e só quedaron desertos dous premios da categoría de Eventos, o Premio Paraugas ao Mellor Congreso e o Premio Paraugas ao Mellor incentivo de empresa. Os gañadores coñeceranse na gala que se celebra en Expourense este venres 12 de novembro ás 20:00 horas.

Artículo anterior
clima

Desafíos e oportunidades ante o reto climático

Siguiente artículo
La Voz de Galicia

Manuela Mariño: “Estamos nun momento de contención e limpeza no deseño”