Carlota Corzo: “Un dos primeiros motivos para non doar é a desconfianza”

Carlota Corzo
Foto: Mero Barral

Carlota Corzo
Cofundadora de Lázzaro

“É importante poñer cuestións como o arte e o deseño no centro dos avances tecnolóxicos e centrarse sempre nos usuarios”


PABLO LÓPEZ


Carlota Corzo, que forma parte da lista Forbes das 30 persoas españolas menores de 30 anos con máis talento, participou no Encontro de Deseño para Innovación Empresarial organizado pola Axencia Galega de Innovación para presentar o seu proxecto Lázzaro, co que axuda ás ONG a ser máis transparentes mediante a implantación das novas tecnoloxías. Licenciada en Belas Artes e apaixonada do deporte, esta moza fai un chamamento a que os avances tecnolóxicos non deixen de lado ás humanidades.

A túa empresa axuda ás ONG a mellorar a súa transparencia e a súa seguridade. Existe unha grande desconfianza na sociedade con este tipo de organizacións? Pois un dos primeros motivos para non doar é esa desconfianza e non unicamente por pensar algunha xente que alguén se vai levar os cartos, senón tamén por non coñecer os proxectos concretos aos que se adicarán as súas doazóns. As persoas queren coñecer se os seus cartos chegan, por exemplo, a un neno de África ou a un proxecto para a investigación do cancro. Esa desconfianza non só afecta ás ONG, senón tamén ás administración públicas. Lázzaro centrouse nas ONG por estar eu vencellada a algunhas desas organizacións e tamén por considerar que é importante que un acto tan puro como é doar para unha boa causa teña as debidas garantías.

Que proxectos desenvolveu Lázzaro para mellorar a trazabilidade desas organizacións? O primeiro que fixemos foi centrarnos na transparencia. Para iso, empregamos a tecnoloxía blockchain, o que a maioría coñece como bitcoins. O noso primeiro proxecto foi unha plataforma de crowdfunding baseada en blockchain. Despois, fomos conscientes de que non lles podiamos falar de blockchain a unhas organizacións que, na maioría dos casos, non estaban dixitalizadas, así que decidimos centrarnos en axudar ás organizacións pequenas a implantar a tecnoloxía dunha forma sustentable.

“As persoas queren coñecer se os seus cartos chegan, por exemplo, a un neno de África ou a un proxecto para a investigación do cancro”

Podes mencionar algún proxecto do que te sintas especialmente orgullosa? Gústame estar en moitas cousas á vez e penso que iso fomenta a creatividade e a innovación. Dende o ámbito do arte, destacaría, por exemplo, un proxecto no hotel familiar, que montou o meu bisavó, que levaron os meus avós e que agora leva a miña nai. Transformámolo nun hotel artístico, pintando todas as paredes, decorando as habitacións con murais… Con Lázzaro, por suposto, destacaría as organizacións ás que nos debemos.

Carlota Corzo Lázzaro
Foto: Mero Barral

Como persoa cunha faceta artística e outra tecnolóxica, ¿pensas que as humanidades poden contribuir a unha innovación tecnolóxica responsable? As humanidades e as tecnoloxías teñen que avanzar dunha forma acompasada. A tecnoloxía pode medrar de forma exponencial, pero as humanidades non, porque están baseadas no coñecemento que temos as persoas como humanos e non son unha idea que se desenvolve soa e que non precisa durmir ou ser procesada. É importante poñer cuestións como o arte e o deseño no centro dos avances tecnolóxicos e centrarse sempre nos usuarios, nas persoas. Por que tentamos ir a Marte se aínda non solucionamos o problema da fame no mundo? Debemos facernos preguntas de ese tipo porque coa capacidade tecnolóxica que temos, por exemplo, podemos destruir o mundo varias veces.

“Por que tentamos ir a Marte se aínda non solucionamos o problema da fame no mundo? Debemos facernos preguntas de ese tipo”

Que supón para ti estar na lista de Forbes das 30 persoas españolas menores de 30 anos con máis talento? Nun primeiro momento non o cría e tardei en procesar o feito de que estaba nesa lista. Eu teño a vantaxe de que sempre que me invitan a unha charla ou a algún outro evento quero ir, porque nunca se sabe cando pode haber unha oportunidade. Lembro un evento que había en Madrid do que nin sequera me gustaba o premio, pero ao final fun e resulta que unha muller que formaba parte do xurado era xornalista de Forbes. Nunca o puiden confirmar, pero quizais veña todo de aí.

Carlota Corzo Encontro Deseño
Foto: Mero Barral

Tamén es unha apaixonada do deporte e, en concreto, do fitness. Como te axuda a actividade física a ser máis eficiente na túa faceta empresarial e creativa? O deporte foi dende sempre parte da miña vida e, como algo persoal, cada certo tempo, sempre me poño algún reto deportivo, porque funciono ben por obxectivos e porque dame estabilidade. Hai pouco presenteime a un concurso de fitness e foi algo moi especial porque o fixen xunto coa miña irmá e porque ambas nos puxeramos como reto participar nun certame de bodybuilding e, en concreto, na categoría de bikini fitness. A min axudoume moito, porque é un deporte que precisa moita estrutura: hai que entrenar, hai que durmir ben, hai que comer de forma saudable…

Artículo anterior
Farala

Anuncios que marcaron una época: Farala, la chica nueva en la oficina

Siguiente artículo

Descubre la historia y el significado detrás del logo de Superman