Novo impulso económico á innovación en Galicia

innovación
Foto: Adobe Stock

Unha bolsa de axudas de 10 millóns de euros promoverá a creación e integración de novos centros de investigación empresarial


PABLO LÓPEZ


Galicia ten cada vez máis puxanza no eido da innovación e, para que ese crecemento se manteña, a Xunta vén de publicar a convocatoria dunha nova bolsa de axudas de 10 millóns de euros para a creación e integración de novos centros de investigación empresarial na nosa comunidade.

Fortalecer as capacidades industriais a través do coñecemento e o desenvolvemento de tecnoloxías é o principal obxectivo que persegue a Administración galega con esta liña de apoios. A convocatoria, pioneira en Galicia, ademais de contribuír a manter a pegada industrial existente na comunidade, axudará a atraer investimentos que permitan poñer en marcha novos proxectos empresariais.

As axudas, que poderán solicitarse ata o próximo 5 de agosto, enmárcanse dentro da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2027, unha iniciativa que ten un doble obxectivo. Por unha banda, busca lograr un ecosistema galego de maior dimensión e integrado que sexa quen de dar resposta aos retos da dixitalización e a sustentabilidade, e, por outra, avanzar nun modelo colaborativo de I+D.

As axudas, que poderán solicitarse ata o 5 de agosto, enmárcanse dentro da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3)

En total, elexiranse tres proxectos cun investimento público-privado de máis de 20 millóns de euros e calcúlase que se poderán crear 45 empregos de alta cualificación.

“A convocatoria deseñouse tras a manifestación de interese lanzada en 2021 pola Axencia Galega de Innovación (Gain). Esta consulta buscaba coñecer a demanda e necesidades de empresas para establecer en Galicia os seus centros de investigación e toma de decisión en materia de I+D”, explica a Xunta de Galicia, que engade que “sete propostas foron examinadas para definir a convocatoria”.

Proxectos de ata 20 millóns de euros

O orzamento de cada un dos proxectos que resulten beneficiarios situarase entre os 3 e os 20 millóns e as axudas serán dun máximo de 5 millóns de euros. Os custos que se financiarán con esas achegas van desde a adquisición dos terreros, á obra civil necesaria, ás reformas e á adquisición de edificios, construcións ou bens de equipo. No caso do persoal investigador de nova contratación, só recibirán axudas se superan os dez contratos que marca a convocatoria.

O proceso será de concorrencia competitiva polo que entre os criterios de selección teranse en conta aspectos como o impacto en Galicia e na produción científico-investigadora, os obxectivos e actividades que se leven no centro ou a capacidade e solvencia da empresa promotora. Unha vez concedida e executada a actuación, a Xunta de Galicia realizará un control pasados tres anos para verificar a actividade do centro de investigación.

Foto: Adobe Stock

Con esta nova liña de axudas, pioneira en Galicia e da que só existe en España unha de similares características no País Vasco, a Xunta aspira a seguir reforzando a I+D+i empresarial galega e dar continuidade a outros programas como a Fábrica Intelixente ou as Unidades Mixtas de Investigación. Entre estes dous programas e a nova convocatoria de centros de investigación da Axencia Galega de Innovación, chegarase aos máis de 70 proxectos apoiados con 120 millóns de euros en axudas e superándose os 400 millóns de investimento mobilizado a través da colaboración público-privada.

Unha estratexia clave para Galicia

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, ten remarcado en repetidas ocasión o papel relevante que van ter a I+D+i e a tecnoloxía para facer posible a transformación dixital do tecido produtivo. Nese sentido, considera que o obxectivo da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) está en impulsar a transferencia de coñecemento desde os centros tecnolóxicos e de investigación para contar con empresas e industrias máis innovadoras. Por iso un dos obxectivos das políticas de innovación da Xunta é crear redes de colaboración entre o tecido empresarial, a Administración e os axentes que conforman o sistema galego de I+D+i a través da innovación aberta.

O orzamento de cada un dos proxectos que resulten beneficiarios situarase entre os 3 e os 20 millóns e os apoios serán dun máximo de 5 millóns de euros

O talento é outra pata fundamental desta estratexia e así o sinalou o propio Conde durante unha conferencia que pronunciou na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña. “Cambiar de paradigma e optar por un modelo de crecemento baseado na innovación, na I+D e na sustentabilidade precisa coñecemento e o coñecemento reside nas persoas. Esta aposta polo talento é unha fonte de emprego cualificado e un atractivo para novas industrias e investimentos”, recalcou o vicepresidente primeiro.

Conde tamén puxo de manifesto a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation, para os que Galicia xa ten elaborado unha candidatura de proxectos tractores de novas industrias que permitan, por exemplo, obter fibras téxtiles a partir da celulosa da madeira, biocombustibles a partir do purín ou hidróxeno verde.

Artículo anterior

Viñetas desde o Atlántico celebra a súa 25ª edición cun novo cartel deseñado por Miguelanxo Prado

Siguiente artículo

Los secretos de la escucha social, a tu alcance