Álex Regueiro: “A identidade e a cultura galega son os piares fundamentais de Coralia”

Álex Regueiro
Fundador da revista Coralia

“Nós somos moi pequenos, extremadamente pequenos, somos unha resistencia creativa”


MARCOS NEBREDA


Como xurdiu a idea de fundar unha revista como Coralia e baixo que filosofía se sustenta? Coralia nace no 2015, como unha inquedanza de dar a coñecer o “esquecido”, o que está oculto e o que chama a atención fóra de Santiago de Compostela, desde unha perspectiva estética única nas publicacións en Galicia. Coralia é imparcial e non segue os arquetipos doutros medios.

Que valores consideras que debe ter hoxe en día unha publicación deste tipo? Principalmente, ter unha atracción telúrica co país, cos pés na terra, para que nos entendamos. Non falamos das cousas por falar e hai algo que nos caracteriza, producimos as nosas imaxes, os nosos textos e a información que ofrecemos é da fonte directamente. O noso equipo é 100% galego, publicamos en galego e, contra todo o que se di ou se oe, nunca tivemos ningún problema por sacar contidos, é máis, a gran parte venos como un valor engadido.

Cales son os vosos retos a curto e medio plazo? Sobrevivir.

“Os premios Alfredo Iglesias pretenden fixarse neses grandes profesionais e artistas que fóra triunfan, pero que no país non son vistos”

Como foi a creación dos premios Alfredo Iglesias, por que xurdiron e que tipo de traballo queren recoñecer? Os premios nacen con dous propósitos, recoñecer en cada edición quen foi Alfredo Iglesias e premiar as disciplinas que el manexaba; fotografía, ilustración, a escrita, radio e televisión, márketing e comunicación. Alfredo é un gran descoñecido en Galicia, en termos xerais e estes galardóns pretenden fixarse neses grandes profesionais e artistas que fóra triunfan, pero que no país non son vistos.

Que papel ten a identidade e a cultura galega na revista e como se seleccionan os temas e os contidos? A identidade e a cultura galega son os piares fundamentais de Coralia, Coralia tece contidos e escóllesen desde o corazón, a priori soa “cursi” pero é unha cuestión que vén de adentro. Contidos que chaman a atención, que son de calidade e diferentes, historias e proxectos que outros medios non falan porque non son comerciais, ideas creativas e persoas que camiñan noutro plano. Coralia puxo encima da mesa moito do que se está a ver agora e iso enche, e enche moito.

Por que decidiches asociarte ao Clúster da Comunicación de Galicia, que opinión tes da entidade e que esperas dela? A unión fai a forza; nós somos moi pequenos, extremadamente pequenos, somos unha resistencia creativa, só é mirar cantas publicacións como a nosa se fan en Galicia, con contido galego e coa calidade coa que se traballa. No Clúster están os grandes e, pecando de algo que sempre me din que non debo de expresar porque é o antimárketing, o que espero do Clúster é chegar a entender porque unha publicación como Coralia non consegue posicionarse onde lle correspondería despois de sete anos sendo única e, por suposto, agardo do Clúster as ferramentas posibles para reverter a tendencia de “sobrevivir” a producir e vivir dela.

Artículo anterior

Descubre el origen detrás de la icónica tipografía del logo de Star Wars

Siguiente artículo

Druckhaus Müller OHG aumenta la productividad gracias a sus nuevos equipos Stahlfolder de Heidelberg