O Mapa de provedores de servizos de deseño é unha ferramenta de traballo para conectar oferta e demanda promovida pola Xunta de Galicia
REDACCIÓN
O primeiro directorio online de profesionais e estudios galegos do sector deseño ten xa rexistrados medio cento de provedores a disposición das empresas demandantes deste tipo de servizos. A plataforma mapadesenogalego.gal está aberta de xeito permanente ao rexistro de novos profesionais e equipos, mediante un sinxelo proceso totalmente dixital.
O Mapa de provedores de servizos de deseño é unha ferramenta de traballo para conectar oferta e demanda promovida pola Xunta de Galicia no marco do Programa para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA. O fin último desta iniciativa é crear oportunidades de crecemento, innovación e mellora da competitividade baseadas no uso do deseño como axente de cambio.
Neste marco, os obxectivos do mapa son, polo lado dos provedores, facilitar a visibilidade e a promoción dos servizos e da actividade realizada polos deseñadores e deseñadoras galegos; e, polo lado das empresas demandantes de proxectos de deseño, ofrecer un punto único de acceso á información sobre provedores, incluíndo o seu catálogo de oferta, os seus proxectos de referencia e os seus datos de contacto.
A plataforma mapadesenogalego.gal está aberta de xeito permanente ao rexistro de novos profesionais e equipos
Para facilitar a localización de provedores, o mapa organízase en función de todas as especialidades do deseño: estratéxico; gráfico e comunicación visual; de espazos; dixital; industrial e de produto; e de moda.
Os profesionais, no centro
O proceso de rexistro no mapa é moi sinxelo e materialízase nunha páxina propia para cada profesional ou estudio dentro da plataforma. Ademais dos datos de contacto e da descrición dos servizos, nela móstrase un portafolio cunha escolma de proxectos seleccionados, a modo de escaparate virtual.
Para os deseñadores e deseñadoras, os beneficios do rexistro no mapa, de carácter gratuíto, son a atracción de novas oportunidades de negocio e o coñecemento doutros profesionais cos que poder colaborar.
Unha solución para cada necesidade
O mapa inclúe un buscador que lle permite a calquera empresa demandante de servizos de deseño atopar o seu provedor ideal. De maneira rápida e intuitiva, esta ferramenta permite localizar o profesional ou equipo idóneo a través dun único punto de acceso a un catálogo en permanente crecemento e actualización.
As referencias visuais de proxectos e as fichas completas de datos permiten identificar e contactar os profesionais ou estudios máis afíns ás necesidades da empresa, de cara a xerar valor empresarial e de negocio a través do deseño como ferramenta de innovación.