Isaac Piñeiro
Premio Galicia de Innovación e Deseño 2022 na categoría Profesionais
“Ofrecer solucións sostibles é casi unha necesidade”
S. ÁLVAREZ
A túa creatividade inclinou a balanza para concederche o Premio Galicia de Innovación e Deseño na categoría ‘Profesionais’, que supuxo para ti? Foi o broche de ouro tras recibir o IF design Award, o Rede Dot e o German Design Award. Este premio é un dos altofalantes do que está a pasar e unha axuda para establecer conexións con profesionais e empresas. Todo iso, acompañado das accións de diferentes entidades para promover o deseño en Galicia, pon de manifesto o bo facer e a calidade do deseño galego. Que continúe.
En que proxectos traballas na actualidade? Sigo na miña liña: deseño de mobiliario, iluminación e produto, aínda que desde hai un tempo dirixo o departamento de deseño dunha empresa de iluminación e faime especial ilusión. Tamén traballo nun proxecto dun espazo exterior onde todo está deseñado a medida. Son encargos que me estimulan pola súa diferenciación, a atención ao detalle e a diferenza de escala.
Cales son as tendencias en deseño industrial? A sustentabilidade e a viabilidade de sistemas de produción acordes co momento actual deben marcar a folla de roteiro e a curva de aprendizaxe do futuro máis próximo como tamén ofrecer solucións á industria. En certo modo é case unha necesidade. Hai casos de estudo, investigación e desenvolvemento realizados en Galicia, sobre todo do sector agropecuario, que me sorprenderon positivamente e que creo que poden ser referencia e un exemplo para outros sectores.
As candidaturas á convocatoria da cuarta edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño poden presentarse ata o vindeiro 2 de outubro
Nova convocatoria
Este martes 2 de outubro remata o prazo para presentarse á convocatoria da cuarta edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño. Estes galardóns son unha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, para recoñecer a contribución singular tanto dos profesionais como das empresas do sector ao desenvolvemento económico e social en Galicia.
O certame conta con seis categorías, das que tres están especificamente dirixidas a recoñecer ás persoas que contribúen de xeito relevante á mellora do prestixio do deseño galego e ás compañías que son un exemplo de como o deseño actúa como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade cando se incorpora á súa estratexia empresarial. Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de alomenos cinco anos, outro para empresas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década como mínimo e outro para deseñadores e deseñadoras de ata 35 anos de idade e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.
As outras tres categorías recoñecen a persoas e empresas galegas que representan o valor da innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da estratexia profesional e do crecemento no mercado, respectivamente. A categoría de traxectoria innovadora recoñece a profesionais e líderes empresariais cunha experiencia de alomenos dez anos na que a innovación tivese un papel relevante. Por último, as categorías de grande empresa e pemes distinguen ás compañías cunha actividade innovadora destacada de alomenos dez e cinco anos, respectivamente.
Os premios á grande empresa no apartado de innovación e á empresa no apartado de deseño teñen carácter honorífico, mentres que todos os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un.
Criterios de avaliación
Entre os criterios de avaliación, o xurado das categorías de innovación terá en conta a traxectoria e a actividade innovadora, así como o posicionamento e o impacto da innovación na mellora da capacidade competitiva. O xurado dos galardóns de deseño valorarán a traxectoria e a achega realizada, así como o impulso á innovación a través dos proxectos de deseño.
Así, os Premios Galicia de Innovación e Deseño destacan as mellores prácticas para que sirvan de inspiración a todo o tecido empresarial, poñendo de relevo como a innovación e o deseño son esenciais para mellorar a competitividade das empresas e a calidade de vida das persoas.
O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.