Costa redeseña, redefine e manualiza a nova identidade da Xunta de Galicia

Trátase dun proxecto pioneiro que xorde da necesidade de crear unha identidade única que identifique a todos os organismos da Xunta

Cada vez máis, as entidades, tanto públicas como privadas, son coñecedoras do valor que aporta a imaxe corporativa e o coidado da comunicación cos usuarios. Neste sentido, a Xunta de Galicia vén de realizar un importante cambio na xestión da complexa rede de marcas que tiña, chegando a contabilizarse máis de 100 e que en moitos casos a cidadanía non recoñecía como da propia Administración.

Así, David Silvosa, socio director de Costa, o estudio que liderou este proxecto, explica que a finalidade era reestruturar todas esas marcas e crear unha arquitectura monolítica de marca que garanta o recoñecemento por parte da cidadanía galega de calquera dos servizos, iniciativas, programas ou organismos dependentes da Xunta de Galicia. Ademais, a nivel nacional, é unhas das primeiras administracións en apostar por unha tipografía de uso propio, sendo unha das liñas de actuación dentro deste proxecto que abrangue a nova imaxe corporativa da Administración autonómica.

Cabe sinalar a importancia que ten, neste tipo de actuacións, a implicación dos diferentes estamentos e axentes que interveñen na representación e no control de uso para garantir o compromiso de todos os cambios que supón un redeseño de imaxe destas características que cambia por completo a estratexia. Deste xeito, no proceso de auditoría previa involucrouse a diferentes consellerías, gabinetes e incluso á propia Presidencia para comprender o alcance do problema, e foi a diagnose desa consultoría a que estableceu que era necesario formular unha proposta que facilitase á cidadanía o recoñecemento claro e unificado de todos os organismos dependentes da mesma.

Xunta de Galicia

O obxectivo que se formulou foi garantir a visibilidade da Xunta de Galicia nos seus departamentos, entes, organismos e marcas comerciais coas que a cidadanía galega convive a diario mediante o deseño dunha solución gráfica que permita recoñecer claramente cando se está ante un organismo da Administración autonómica. Con esta aposta, calquera aplicación corporativa resolverase agora baixo unha mesma linguaxe visual lexible, flexible, áxil e clara que garanta, con coherencia e consistencia, que detrás dos servizos públicos galegos está a Xunta de Galicia.

O deseño da Xunta Sans foi un reto: non só debía ser fácil de identificar, tamén tiña que ser moi versátil

Claves da nova imaxe corporativa

Dende a súa publicación no DOG, a nova imaxe corporativa da Xunta de Galicia conta con varias solucións gráficas identificadoras. Así, establécese o Escudo, un elemento protexido pola Lei de Símbolos de Galicia, como unidade mínima coa que recoñecer á entidade e retócase a cor corporativa escurecéndose levemente para estandarizar a percepción da marca tanto en formatos dixitais como analóxicos. Ademais a versión principal abandonará as dúas cores que usaban en azul e negro para unificar ambos elementos no novo azul corporativo.

Tamén hai novidades na nomenclatura de cada unha das entidades establecendo un estándar que unifique criterios e evitando os acrónimos para que se recoñeza o carácter público e a identidade galega. Deste modo, entidades como por exemplo o Sergas ou Igape pasan a denominarse Servizo Galego de Saúde ou Instituto Galego de Promoción Económica, co cal ao eliminar o acrónimo tamén se elimina a posición dominante destas submarcas, segundo sinala David Silvosa.

Xunta de Galicia

A estrutura da Administración pública é complexa e dende Costa pensaron que a tipografía debía ser un dos eixes da nova identidade e para iso contaron coa colaboración de María Ramos, cofundadora de NM Type.

Características da Xunta Sans

Unha das grandes vantaxes da tipografía sobre o resto de elementos que configuran a identidade dunha marca é que conecta coas persoas dunha maneira directa, a través da lectura, sen necesidade de memorizar as formas ou analizalas. Así, María Ramos explica que o deseño da Xunta Sans “foi un reto, non só debía ser fácil de identificar, tamén tiña que ser moi versátil para ser usada en formatos moi diversos, dende os textos dunha web ou formularios impresos ata para sinalización de espazos.”

Esta nova tipografía ten unha serie de características que a fan única, como os seus caracteres lixeiramente condensados, cunha altura xenerosa e formas moi abertas. “Hai algunhas características específicas que fan que sexa especialmente recoñecible, incluímos pequenos cortes nos remates dos trazos en letras como o «a» ou o «n», as terminacións dos trazos son afiadas e as curvas presentan certa tensión. Son rasgos que xurdiron dos propios símbolos de Galicia —a bandeira e o escudo utilizado na identidade— e quixemos tamén facer referencia, de forma non evidente, ás formas afiadas das letras do anterior logo”, segundo detalla María Ramos.

Artículo anterior
Covid-19

A Covid-19 provoca unha evolución no comportamento dos consumidores

Siguiente artículo
Panda Game Manufacturing

Panda Game Manufacturing confía en la tecnología de Heidelberg para producir juegos de mesa de alta calidad