Faino a través dun acordo coa Rede Española de Axencias de Deseño
FELIPE VIEIRA
A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), vén de asinar un acordo de colaboración coa Rede Española de Asociacións de Deseño (Read) para o fomento e divulgación da madeira galega como elemento para o deseño.
Este acordo ten como finalidade a incorporación do deseño nas empresas como elemento transformador, traducíndose nun beneficio real para toda a cadea de valor da madeira en Galicia, desde o propietario forestal ata o consumidor final.
Identidade e Territorio
Neste contexto enmárcase a exposición FSWD/Identidade e Territorio, que permanece aberta ao público no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, ata o vindeiro domingo 30 de xaneiro.
A mostra recolle as obras de máis de 120 participantes con traballos de deseño industrial, deseño gráfico, interiorismo e deseño de servizos, os cales destacan pola súa calidade, a súa proxección no mercado nacional e internacional e por ser un modelo de sinerxía entre profesionais do deseño, empresas e editoras.
Debido ao seu carácter itinerante, está previsto que a iniciativa viaxe por varias cidades e países coa idea de compartir con distintos públicos esta radiografía do panorama actual do deseño español e das súas mellores voces. Así, todas as mostras que se desenvolvan levarán como soporte dos produtos unhas pezas que se produciron artesanalmente en Galicia con madeira local.
Visitas e webinario
En paralelo, lévanse a cabo diferentes actividades co obxectivo de achegar coñecemento sobre o deseño con madeira ás empresas do sector. Concretamente, inclúese unha mesa de traballo para poñer en valor o deseño e facilitar a interacción entre diferentes empresas da industria forestal-madeira e deseñadores.
Ademais, contémplanse visitas guiadas á exposición dirixidas por deseñadores de prestixio, así como un webinario sobre o deseño en madeira coa participación de diferentes profesionais e empresas do sector.
A iniciativa tivo como antesala o Encontro Nacional de Asociacións de Deseño, 9ENAD, onde a Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Asociación Galega de Deseño (DAG) presentaron o ‘Estudo da Economía do Deseño en Galicia’.