
Xosé Merelles
Director de Turismo de Galicia
“Seguimos as directrices marcadas na nosa Estratexia de Turismo 2030, na procura de consolidar Galicia como destino auténtico e diferencial”
REDACCIÓN
Que balance fai das recentes campañas de Turismo de Galicia e como contribuíron a reforzar o posicionamento do destino a nivel nacional e internacional? Un balance realmente positivo. As campañas de publicidade de Semana Santa e verán, xunto coa recente, na que por primeira vez introducimos o concepto Galicia Calidade no ámbito do turismo e que ademais nos está axudando a recuperar a imaxe do país logo da vaga de incendios do verán, contribúen sen dúbida a que esteamos pechando un dos mellores anos turísticos. Galicia recibiu máis de 6,63 millóns de visitantes, dos que máis do 30 % son estranxeiros, que sumaron 12,35 millóns de noites entre xaneiro e outubro, o que se traduce nun crecemento do 2% con ingresos para os hoteis galegos de 408,1 M€.
Por que é importante para Turismo de Galicia apoiar certames como os Premios Paraugas e que impacto teñen na profesionalización da comunicación e do márketing vinculados ao sector turístico? Os Premios Paraugas – Premios da Comunicación e do Márketing de Galicia recoñecen o talento e a calidade. Premiar a creatividade e todo o que signifique poñer a mirada sobre Galicia redunda nunha posta en valor deste sector, non só polo que di de nós en termos de innovación e de desenvolvemento creativo, senón porque ademais é indispensable á hora de configurar a imaxe da comunidade e de proxectala cara a fóra, de asegurar a promoción do territorio tanto nas nosas fronteiras como máis aló delas.
Que relevancia ten o novo galardón deste 2025, o Premio Paraugas Galicia Calidade, e que valores deberían cumprir as campañas que aspiren a el, como é o caso da campaña “Paco & Lola, 20 aniversario” recoñecida este ano? Estamos traballando para que Galicia Calidade se converta tamén na marca país, nunha referencia que nos identifica como un territorio e un modo de vida no que a calidade non é só unha palabra; é a experiencia que rodea o destino ao que se soña en viaxar. Iso e máis é Galicia. Neste sentido, tense estendido a todo o que supón un aval para a nosa terra, que representa a excelencia en cada campo e pode erixirse como representantes do noso saber facer, ademais de axudar a proxectar a imaxe no exterior dunha Galicia única. Que un premio leve este nome ten unha enorme transcendencia e tamén implica unha enorme responsabilidade para quen o posúe porque conleva un compromiso co territorio e coas nosas xentes. Con este premio quérese recoñecer esa mesma excelencia e visión. A creatividade de Paco & Lola vai nesa mesma liña, ademais de constituír en si mesma un exemplo perfecto de produto de calidade que sabe innovar, sen perder a conexión coas orixes.
«Estamos traballando para que Galicia Calidade se converta tamén na marca país, nunha referencia que nos identifica como un territorio e un modo de vida no que a calidade non é só unha palabra; é a experiencia que rodea o destino ao que se soña en viaxar»
Como contribúe Turismo de Galicia ao fortalecemento da marca Galicia a través das súas accións de promoción e das campañas que impulsa ao longo do ano? Desde hai xa moito tempo, vimos desenvolvendo cada ano un plan específico que inclúe todas as accións de promoción do destino. Este ano permitiunos participar en máis de 130 accións de promoción turística, das que o 76 % centráronse en mercados internacionais, cun investimento total de 13 M€. Pero ademais, tamén impulsamos máis de 50 viaxes de familiarización traendo axentes turísticos, creadores de contidos, turoperadores, xornalistas, etc. para que coñezan Galicia e poidan contala, multiplicando expoñencialmente o alcance das súas visitas. Todo isto está a dar os seus resultados, cun peso do turismo internacional cada vez máis elevado.
Que retos e oportunidades identifica para o futuro do turismo galego, especialmente en termos de sostibilidade e posta en valor da autenticidade do destino? Seguimos as directrices marcadas na nosa Estratexia de Turismo 2030, na procura de consolidar Galicia como destino auténtico e diferencial, a través do impulso de elementos únicos como poden ser o Camiño de Santiago, o enoturismo, a gastronomía, o turismo rural, o termal, o patrimonio e a paisaxe a través de produtos innovadores capaces de xerar experiencias únicas. Para iso, tratamos de avanzar na sostibilidade integral do destino, preservando tanto o espazo natural e o patrimonio como o benestar social da poboación local. E buscamos tamén impulsar a rendibilidade empresarial e a competitividade e avanzar na internacionalización e desestacionalización do destino como garantes dunha rendibilidade ao longo de todo o ano; un ano que vai ser un dos mellores no eido turístico con cifras de visitantes e de noites que dan como resultado un sector moi fortalecido e unha actividade económica cada vez máis asentada como pilar do desenvolvemento territorial.