Xosé García Augusto: “Organizar o ENAD é un orgullo e unha gran responsabilidade”

Xosé García Augusto
Presidente da DAG

O debate sobre os valores éticos do deseño é unha das vías para defender a profesión”


CARLOS B. TORRADO


Como comezou a túa carreira no mundo do deseño? Cal é a túa traxectoria? Pois empecei a traballar como deseñador no 2005, durante os primeiros meses nun estudio en Santiago e despois xa como socio de Piedrapapeltijera. De formación son deseñador gráfico e de produto, quizais por iso nunca me especialicei nunha disciplina. Nestes anos teño desenvolvido proxectos, principalmente, de deseño gráfico e deseño dixital, pero tamén de espazos e produto. Ben é certo que dende hai uns sete anos, xa como deseñador independente, aínda que mantendo o nome de Piedrapapeltijera, estou máis centrado desenvolvendo a parte de deseño gráfico/comunicación e deseño dixital, así como a dirección dos proxectos.

Cales son os retos que deberá afrontar a DAG nestes próximos dous anos? Na DAG levamos anos traballando para construír unha asociación forte con relevancia para o sector do deseño en Galicia e que sexa capaz de aportar propostas para a mellora da relación entre os e as deseñadoras, tecido produtivo e sociedade en xeral. Tamén queremos seguir prestando apoio ás institucións cando así nolo requiren e, por suposto, traballando pola promoción do deseño galego. Nestes últimos anos a DAG experimentou un crecemento moi rápido, tanto en número de persoas asociadas como de proxectos desenvolvidos. É por iso que nestes dous anos que nos quedan por diante, continuaremos, por unha banda, avanzando cos proxectos que están en marcha, e por outra, queremos mellorar a comunicación coas persoas asociadas e propiciar a súa participación máis de preto nos proxectos que se desenvolven. Do 21 ao 22 de outubro celebrouse o 10 ENAD en Pontevedra, a segunda edición do encontro en Galicia, e agora temos que poñernos a traballar na organización do próximo Foro de Edición e Deseño (FEED), que como sabedes celébrase cada dous anos e que será, a priori, o maior reto para este 2022/2023.

En que proxectos estivo a traballar a DAG neste 2022? Pois estivemos traballandoi en varios proxectos, como o mencionado ENAD, e en paralelo estase a traballar no proxecto MEDRA, un programa de mentoring, coordinado polo socio e vicepresidente Adrián Parcero, que levamos meses desenvolvendo e agardamos que pronto poidamos pór en marcha. Tamén estamos a traballar no Arquivo do Deseño Galego (ARDE), proxecto coordinado polas socias María Agra, María Ramos e Óscar Otero e que esperamos que poida ver a luz nos próximos meses. Outro proxecto no que se está a traballar é na definición do Nodo Creativo Galego para a Nova Bauhaus Europea, e do que xa rematamos a primeira fase. Este é un proxecto de ámbito medioambiental, económico e cultural impulsado pola Comisión Europea que ten como obxectivo situar as Industrias Culturais e Creativas nun lugar central para a transformación do sistema produtivo en Europa. E finalmente, como xa comentamos, na sétima edición do FEED, que xa se converteu nunha cita ineludible para a comunidade e as escolas de deseño en Galicia.

“A DAG experimentou un crecemento moi rápido, tanto en número de persoas asociadas como de proxectos desenvolvidos

Falando da décima edición do Encontro Nacional de Deseño (ENAD), que supuxo a organización deste evento para a Asociación Galega de Deseño? Teño que dicir que é un orgullo e unha gran responsabilidade. Organizar un evento tan importante como o ENAD supón un gran reto para a DAG, que é posible, en gran medida, grazas ao esforzo e traballo de persoas como Uqui Permuy e Irene García, así como o de todas as institucións e o resto de persoas que prestan o seu apoio para que sexa posible celebrar un evento así en Galicia. A organización do ENAD é rotatoria e recae cada dous anos na asociación que preside READ nese período. Estes dous últimos anos tivemos a oportunidade de ser anfitrións do Encontro Nacional de Deseño, unhas datas onde se pon o foco na nosa comunidade e no que chegan deseñadores de todo o estado a compartir experiencias e propostas sobre os temas de debate, este ano centrado en como queremos que sexan as cidades do futuro e como debemos pensalas, deseñalas. Co título ‘Cidades imaxinadas, cidades deseñadas’, celebrouse en Pontevedra, como non podía ser doutra maneira, nunha cidade referente a nivel nacional e internacional neste aspecto.

De onde xurdiu este enfoque de ‘Cidades imaxinadas, cidades deseñadas’? Os deseñadores e as deseñadoras estamos en disposición de incorporar unha nova perspectiva sobre como se deben pensar as cidades. Esta perspectiva ten moito que ver con novas prácticas do deseño vinculadas coa experiencia de usuario, o deseño estratéxico ou o de servizos. Incorporar estes enfoques como ferramentas para coñecer máis sobre percepción e investigación sobre a maneira de vivir as cidades (como nos movemos, como compramos, como nos relacionamos, como facemos recados, como ocupamos o tempo de ocio…), axudará a planificar dun xeito máis amable e humano. Dende este enfoque, entendemos que se deben ter en conta dúas perspectivas transversais, a sostibilidade e a inclusión, os dous eixos nos que nos baseamos para propor o enfoque do Encontro Nacional de Deseño este ano.

O Código Deontolóxico do Deseño é uns dos fitos máis importantes da Rede Española de Asociación de Deseño (READ), da que a DAG forma parte. Cal é a importancia deste código? Este é un proxecto xurdido do grupo de traballo de “Boas prácticas” que vén traballando dende o 2014, redactado polo profesor, docente e filósofo Antoni Mañach nun proceso colaborativo con diferentes profesionais relacionados co deseño. O debate sobre os valores éticos do deseño é unha das vías para defender a profesión, e este código é un fito a nivel nacional xa que é o primeiro que se redacta para a práctica do deseño. Trátase dunha ferramenta que pón de relevo os valores dos e das profesionais no exercicio e na práctica do deseño. Agardamos que sirva para promover unha actitude analítica e crítica que axude a consolidar unha cultura ética do deseño. E tal e como di Antoni Mañach, debe servir de ferramenta para intentar facer da nosa profesión un mundo mellor, con especial énfase na función educativa.

Como se valora a actividade do Clúster de Comunicación dende a DAG? Penso que como algo necesario para aglutinar a empresas e organizacións dentro do sector. A DAG e o Clúster somos dúas entidades próximas que temos participado nalgúns proxectos comúns. Dende a DAG estamos sempre abertos a colaborar co Clúster naqueles proxectos que sexan de utilidade para o sector.

En novembro tiveron lugar os agardados VII Premios Paraugas. Que cres que aportan estes galardóns ao sector da comunicación galega? Primeiro agradecer ao Clúster todo o esforzo que pón ano tras ano na organización destes premios, que axudan a dar relevancia e recoñecemento a tanto e tan bo traballo que se fai dende Galicia en ámbitos como o deseño, a publicidade, a comunicación ou o márketing. Contar cuns premios como os Paraugas, ou os Premios Galicia Innovación e Deseño, debe axudar, máis alá do recoñecemento dos colegas, a achegar a nosa labor profesional á sociedade en xeral, poñendo de relevo o valor que aporta o sector á vida cotiá e como o deseño pode servir de panca de cambio para os retos que hai que afrontar para o futuro.

Artículo anterior
Basado en vuelos reales Iberia

Iberia felicita el 2023 con un emotivo spot sobre "los viajes que cambian la vida"

Siguiente artículo
Podcast y redes sociales tendencia en 2023

Las tendencias de marketing para este 2023: más podcast y las redes sociales como buscadores