Xerme Ecommerce traballa con 23 iniciativas empresariais que contan co asesoramento de profesionais en activo do mundo do comercio electrónico
REDACCIÓN
Xerme Ecommerce nace co fin de impulsar a posta en marcha en Galicia de iniciativas empresariais de comercio electrónico. Así, o I Programa de Formación para o Emprendemento no Ecommerce impulsado pola Xunta de Galicia xorde grazas a un convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Clúster do Ecommerce Galego para crear por vez primeira esta aceleradora de proxectos de ecommerce.
Trátase dun programa práctico de formación e mentorización no proceso de deseño, desenvolvemento e posta en marcha na nosa comunidade de iniciativas empresariais de comercio electrónico (ecommerce), así como proxectos de base tecnolóxica e servizos relacionados cos anteriores, que contribúan ao desenvolvemento do mesmo.
Así pois, Xerme Ecommerce xa traballa cun total de 23 iniciativas empresariais (13 delas asesoradas na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego), contando co asesoramento de profesionais en activo do mundo do comercio electrónico para que os proxectos elixidos aprendan a lanzar, xestionar e rendibilizar os seus negocios en liña.
Ao abeiro de Xerme escolléronse proxectos de distribución de produtos alimentarios, cosméticos, relacionados coa moda e tamén coa artesanía
O programa está dirixido tanto a novos proxectos no eido do comercio electrónico como a negocios existentes que aposten por acceder ás oportunidades de expansión que ofrece a comercialización dixital. De feito, das 23 empresas escollidas, 11 xa venden online e outras catro só teñen local físico, mentres outras oito contan con ambas opcións habilitadas pero con interese en potenciar a venda electrónica.
Formación e mentorización
En concreto, Xerme Ecommerce céntrase na formación e na mentorización, con obradoiros, titorización personalizada e sesións docentes para que os emprendedores busquen oportunidades en todos os mercados, apoiados en expertos profesionais na materia.
Os proxectos escollidos aprenderán a lanzar, xestionar e rendibilizar os seus negocios en liña partindo de cero ou modernizando empresas xa existentes
En canto aos sectores representados, 20 dos proxectos elixidos refírense a produtos, mentres os outros tres abranguen servizos de viaxes, turísticos e de formación, respectivamente. No primeiro grupo, destacan as iniciativas de distribución de produtos alimentarios, cosméticos, relacionados coa moda ou coa artesanía, entre outros relativos á xoiería, á cultura, á tecnoloxía ou ao campo dos xoguetes.
Clúster do Ecommerce Galego
O Clúster do Ecommerce Galego aposta polo desenvolvemento do talento e da competitividade das empresas galegas mediante o apoio, incentivo e promoción do comercio electrónico. Así, a través do Clúster promóvese que convivan empresas nativas dixitais con empresas físicas que teñen unha importante actividade online, facilitando a aprendizaxe mutua.
Xerme intégrase no programa anual de actividades do Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGeneration UE.un prazo de dez días naturais, entenderase que rexeita o premio.