Xabier Martínez Rolán
Coordinador do Mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais da UVigo
“A empregabilidade no eido dixital está a vivir un bo momento”
MARCOS NEBREDA
Como xurdiu a idea do mestrado e sobre que valores e obxectivos se sustenta? Dende hai xa varias décadas impartimos formación en dous graos de comunicación: Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual. Ademais, na propia Facultade de Ciencias da Comunicación xa existía un mestrado en Dirección de Arte Publicitaria. Catro anos atrás quixemos coller o “tren das redes sociais” e dotar de posibilidades de especialización na creación de contidos dixitais dende a Universidade de Vigo.
Como son os contidos teóricos do mestrado e que tipo de formación ofrece a alguén que desexa traballar en contidos dixitais? O mestrado ten, fundamentalmente, contidos prácticos, en tanto se trata dun mestrado profesionalizante. O noso obxectivo sempre será ter unha taxa de empregabilidade do 100% –algo que xa logramos nalgunha edición– pero tamén é certo que os asentamentos teóricos son importantes. Unha boa parte destes contidos teóricos están relacionados coa planificación estratéxica e táctica. O mestrado tamén conta cun terceiro piar, o do emprendemento, pois somos conscientes de que o autoemprego é unha vía factible neste segmento. De feito, mesmo o Traballo Fin de Mestrado, de carácter práctico, ten unha filosofía orientada nitidamente ao autoemprego. Finalmente, as prácticas en empresas son o colofón do mestrado. Dende a coordinación de prácticas faise un traballo máis parecido a Tinder que á xestión académica, en tanto hai unha preocupación por facer un “match” entre a empresa e a persoa candidata. Isto, en realidade, é a base da alta empregabilidade: todos os anos, un importante número de alumnos e alumnas continúa a súa experiencia práctica na empresa a través doutras fórmulas contractuais. Mesmo temos algunha empresa que ten contratada a unha persoa de cada promoción.
Como é o perfil do alumnado e que contidos son os que máis lles interesa traballar durante a formación? O perfil do alumnado é moi diverso, aínda que principalmente ten unha formación vencellada ao que tradicionalmente se considerou ciencias da comunicación pero non é un factor excluínte. Habitualmente temos tamén moita demanda dende o outro lado do Atlántico. Grazas ao Programa de Bolsas de Excelencia de Mocidade Exterior para mestrados (BEME) da Xunta de Galicia contamos cunha enorme presenza de alumnado de América Latina, algún ano ata o 50% do total. En canto aos contidos, habitualmente os que máis demandan son os vencellados coa creación dixital en calquera das súas vertentes: deseño web, deseño gráfico ou creación de pezas audiovisuais. Tamén ten moita demanda a formación específica en social ads.
“Somos conscientes de que o autoemprego é unha vía factible neste segmento”
Cales cres que deben ser as habilidades dun xornalista para ser un bo creador de contido na era dixital? A polivalencia, sen dúbida. Un bo creador de contidos debe ser forte en todas as áreas: na escrita, dende logo, pero tamén na oral e na xestual. Non debe deixarse asoballar pola tecnoloxía, pero dominala é fundamental. Neste sentido, hai dúas calidades básicas que todo comunicador debe traballar. Por un lado, a curiosidade por estar ao día, tanto no uso de servizos como nas narrativas dixitais e, por outro lado, a capacidade analítica. A pesares da fugacidade e a velocidade coa que se crean os contidos, manter unha mente analítica, observar con calma os resultados e todas a métricas que temos ao noso alcance na rede pode marcar a diferenza entre unha boa comunicación e unha comunicación excelente.
En canto ao sector, como cambiou nos anos de pandemia e cara onde se move a curto prazo? Se esta situación epidemiolóxica serviu para algo é para demostrar a importancia das nosas relacións dixitais. Da noite para o día, so nos quedou o mundo dixital para manter o contacto. E estas dinámicas persoais tamén se percibiron no eido profesional. De repente, ter presenza en redes sociais xa non era o importante, senón que había que dar un paso máis: ter “boa” presenza. Ter unha web xa non era o obxectivo, era conectar coa cidadanía. A pandemia serviu para acelerar cambios que xa se viñan producindo. O que si é un feito é que a empregabilidade no eido dixital está a vivir un bo momento. Dende marzo de 2020, todos os meus contactos no sector, todos, están ateigados de traballo.