REDACCIÓN
Os interesados en participar na VI edición dos Premios da Comunicación e do Márketing de Galicia, Premios Paraugas, poderán facelo ata o 25 de outubro. As inscricións e o envío dos traballos realizaranse a través do formulario dispoñible na web: premios.clustercomunicacion.gal
Estes premios foron creados polo Clúster da Comunicación de Galicia no ano 2016. Naceron coa idea de poñer en valor a calidade e o excelente traballo que se fai na nosa terra, co obxectivo de enxalzar a función da creatividade, do deseño, da edición, da impresión, do márketing, da comunicación e dos eventos de orixe galega, e como medio para conseguir aumentar a competitividade e a capacidade innovadora. Así pois, trátase dunha convocatoria de premios desde o sector e para o sector.
O Clúster da Comunicación de Galicia concede os Premios Paraugas en recoñecemento público ás empresas, institucións, organizacións e profesionais que destacan polo seu bo facer no ámbito da cadea de valor da comunicación. A gala de entrega será o 12 de novembro en Expourense.
Premios e categorías
Os Premios Paraugas distinguen aquelas pezas e/ou estratexias de creatividade, de deseño, de edición, de industria gráfica, de márketing, eventos e de comunicación que sobresaen pola súa innovación, funcionalidade, boas prácticas e pola obtención de resultados tanxibles.
Os traballos deberanse presentar nos formatos e/ou cos elementos complementarios que o participante estime oportuno e que axuden a ilustrar o obxectivo perseguido en cada caso. As categorías que se van premiar son: Impresión e Edición, Deseño, Creatividade, Márketing Dixital, Márketing, Comunicación e Eventos.
A gala de entrega será o 12 de novembro en Expourense
No marco da categoría Edición inclúense as categorías Premio Paraugas ao Mellor Libro e Premio Paraugas ao Mellor Traballo de Publicidade Comercial. Na categoría Impresión, distinguirase o Mellor Traballo Comercial (libro, folleto ou catálogo) feito en impresión dixital.
Por outra banda, na categoría de Deseño distínguese o Premio Paraugas ao Mellor Deseño Gráfico e o Premio Paraugas ao Mellor Deseño Industrial ou de Produto. Tamén se outorgará un Premio ao Mellor Deseño Dixital. En Creatividade, distinguirase cun Premio Paraugas á Mellor Idea, con outro a Mellor Campaña e con outro a Mellor Producción (Craft).
Os Premios Paraugas recoñecen as boas prácticas realizadas na cadea de valor da comunicación
No eido da categoría do Márketing Dixital, outorgarase unha distinción á Mellor Estratexia de Márketing, tamén se valorará a Mellor Campaña de Produto ou Servizo e o Mellor Proxecto Social Media. A categoría de Márketing distingue a mellor Acción de Branding, a mellor Acción Relación/Escoita ao Cliente e a Mellor Estrateixa/Acción de Produto.
Xunto a isto, na categoría de Comunicación distinguirase a Mellor Estratexia de Comunicación Externa, a Mellor Estratexia de Comunicación Interna e a Mellor Práctica na Comunicación da Responsabilidade Social Empresarial. Adicionalmente, a categoría de eventos recoñece o Mellor Congreso, o Mellor Incentivo de Empresa e o Mellor Evento.
A participación nos VI Premios da Comunicación e do Márketing de Galicia comportará o tratamento de datos de carácter persoal dos candidatos aos galardóns (recoñecemento público da súa obra). En particular, a inscrición neste concurso requerirá a identificación do participante (nome, email, teléfono móbil, etc.) a través do formulario de contacto, así como o abono do dereito de inscrición na/s categoría/s elixidas, en cada caso. Máis información nas Bases.