O festival, que celebra a súa 27ª edición, conságrase como unha referencia no sector da banda deseñada
REDACCIÓN
Punto e final á 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico, o Salón Internacional do Cómic da Coruña, que foi un éxito rotundo de asistencia. Así, do 12 ao 18 de agosto, A Coruña converteuse un ano máis en punto de encontro para amantes da banda deseñada.
Un total de 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas, a mostra dos traballos de máis de 40 autoras e autores galegos e máis de 30 actividades na Rúa da BD. Esta contou cun total de 36 expositores, entre eles, por primeira vez, un de Portugal, a editora Chili Com Carne.
Precisamente, nesta renovada Rúa da BD sucedéronse as filas de amantes do cómic para facerse durante todo o festival coas firmas de figuras da talla de Artur Laperla, Paula Cheshire, Miguel Robledo, Bea Lema, Martín Romero, Fran Jaraba, Jordi Bayarri, Emma Ríos e David Rubín, entre moitas outras.
As exposicións monográficas dedicadas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos continúan abertas ao público e podense visitar ata o vindeiro 30 de setembro. A actividade do festival continuará ao longo do mes de setembro, con Viñetas Inclusivas para colectivos desfavorecidos. Paralelamente, no Kiosco Alfonso desenvolveranse novos fitos de Viñetas desde a Escola ata o próximo mes de xaneiro.
Así pois, o coidado das propostas e o respecto aos creadores foron o fío condutor desta nova edición. Un encontro máis plural e que deu boa conta do interese que o universo da BD xera na actualidade. Coa fin de renovar o festival e adaptalo aos tempos que corren, facendo gala da convivencia entre o analóxico e o dixital, a dirección do festival traballou co ollo posto na calidade, a responsabilidade e o coidado de todos os axentes implicados.
O coidado das propostas expositivas e o respecto aos creadores foron o fío condutor desta nova edición do encontro
A alcaldesa, Inés Rey, destacou a satisfacción do seu Goberno municipal coa “renovación integral” dun dos grandes clásicos das Festas de María Pita. “Tomamos o camiño correcto ao darlle un novo enfoque á cita e buscar un Viñetas diferente e diverso, con actividades para todo tipo de públicos”, indicou a rexedora, que celebrou a gran acollida de todos os actos celebrados na última semana.
Viñetas alcanza novos sectores
Viñetas abriuse á relación con outros sectores creativos como a música, o cinema, a gastronomía e as artes escénicas. Desde a organización queren remarcar que “se seguirá a traballar mirando xa con optimismo cara unha nova edición en 2025, co obxectivo de darlle pulo ao encontro, para que Viñetas sexa ese lugar onde todas e todos queiramos estar, como unha clara aposta por unha banda deseñada creativa, inclusiva e sen fronteiras”.
Manel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico, declarou: “o balance é moi bo e de agradecemento. Pechamos o Viñetas 2024 cun gran éxito. Acadamos novos públicos e hai un dato moi interesante, que os libreiros e editores destacaron en torno a sección comercial de Viñetas: mantívose o nivel de facturación pese ao cambio de datas do encontro. Na Rúa da BD cabe destacar, tamén, outro fito. A renovación das casetas para favorecer a estancia e o traballo dos expositores”.
Doutra banda, un dos momentos máis emotivos do festival foi a inauguración da figura de Gaspariño dedicada a un autor galego, Xaquín Marín. Houbo un volume de actividades con cifras récord de firmas de autores e autoras, que xeraron un grande interese.
Un dos momentos máis emotivos do festival este ano foi a inauguración da figura de Gaspariño dedicada a un autor galego, Xaquín Marín
“A aceptación do novo modelo de encontro por seccións de interese tivo unha moi boa acollida. É importante destacar a afluencia de público infantil, cunha ampla oferta de actividades. É un gusto ver moita rapazada no Viñetas, porque enganchar ás novas xeracións é fundamental. Non esquezamos o Viñetas Ñam!, que tivo moi boa saída, segundo destacaron os locais que se sumaron á iniciativa”, dixo Manuel Cráneo.
“Nesta liña, queremos agradecer aos axentes implicados nas actividades paralelas do festival. Desde a organización, esperamos seguir traballando para involucrar á cidade no Viñetas e chegar a novos públicos”, enfatizou o director de Viñetas desde o Atlántico.
Éxito de vendas e visitantes nunha renovada Rúa da BD
Neste sentido, as boas vendas, a gran afluencia de visitantes e a apertura a novos públicos que este ano visitaron a Rúa da BD foron algúns dos aspectos destacados polos expositores presentes en Viñetas 2024. O éxito desta renovada Rúa da BD é unha mostra máis da boa saúde do sector e do interese que os títulos e autores de BD xeran na actualidade.
Así pois, preto de 2.000 persoas asistiron as sesións de sinaturas cos más de 100 autores e autoras que visitaron Viñetas ara presentar os seus títulos, e as actividades programadas de pequeno e mediado formato —no marco de Viñetas Mini e Viñetas Pro— completaron todos os cupos dispoñibles.
En paralelo, a sección Viñetas Show reuniu no Teatro Colón un total de 2.000 persoas, tanto nas entrevistas dos ‘Viñetas Late Night’ como nas proxeccións de cinema ou na inauguración da figura a tamaño real de Gaspariño, de Xaquín Marín, outro dos grandes fitos deste Viñetas 2024.
Preto de 2.000 persoas asistiron as sesións de sinaturas cos más de 100 autores e autoras que visitaron Viñetas ara presentar os seus títulos
Segundo os datos emitidos por The Wizard Game, responsable dos xogos infantís de Piratix e SuperThings instalados nos Xardíns de Méndez Núñez durante este Viñetas 2024, un total de 2.750 nenos e nenas visitaron a súa zona recreativa.
Desde a libraría coruñesa Galgo Azul, presente na Rúa da BD neste 2024 por primeira vez, destacaron: “Esta era a nosa primeira experiencia en Viñetas e, en comparación con outras feiras que visitamos, aquí nótase moito coidado, moito cariño e moito esforzo. Percibimos unha aceptación moi boa por parte do público. Houbo moita xente que se achegou este ano que outros anos non viña a Viñetas”.
E engade: “Visualmente, está todo moi coidado e as casetas renovadas axudaron a chamar a atención do público. Pola nosa banda, detectamos moito interese polo cómic infantil e xuvenil, e está moi ben, porque é a maneira de xerar novos lectores. A xente viña buscando a curiosidade, as cousas singulares: para iso, saben que poden achegarse a Viñetas. Sentimos moi bo ambiente entre o público, os expositores e o equipo do festival. Estamos moi contentos coa experiencia”.
Pola súa banda, desde a libraría Komic, Pío Barreiro, todo un decano de Viñetas, presente na feira desde a súa primeira edición, engadiu que “notouse un gran cambio este ano, e todo para mellor. As vendas mantivéronse e as firmas foron, de novo, un grande reclamo para o público”. “Sentimos que se reforzou a venda pola calidade das exposicións dos autores convidados”.
Viñetas BD, unha das grandes novidades
Outra das novidades de Viñetas desde o Atlántico 2024 foi a publicación de Viñetas BD. Trátase dun novo concepto dentro do festival, que se afasta do catálogo tradicional para ofrecer un formato máis próximo á revista. A finalidade deste novo formato é crear un espazo creativo para os artistas convidados e ofrecerlles aos visitantes unhas lecturas exclusivas que acheguen valor engadido aos contidos expositivos.
Outra das novidades de Viñetas desde o Atlántico 2024 foi a publicación de Viñetas BD
Para tal fin, o festival encargoulle a cada un dos autores e autoras que contan con exposición nas sedes oficiais de Viñetas unha historieta orixinal e autoconclusiva que partise dalgunha das súas obras publicadas e presentes na súa mostra. O resultado deste renovado catálogo-revista está nas mans do público a través da páxina web oficial do festival.
27 anos dunha cita de referencia
Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións e artistas con actividades paralelas que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada.