Viñetas desde o Atlántico celebra a súa 25ª edición cun novo cartel deseñado por Miguelanxo Prado

Detalle do cartel da 25ª edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’, deseñado por Miguelanxo Prado

O debuxante e director de Viñetas desde o Atlántico, Miguelanxo Prado, foi o encargado de elaborar o cartel da 25ª edición deste ano, que tamén conta cun selo conmemorativo


CARLOS B. TORRADO


Os amantes da banda deseñada teñen unha cita imprescindible do 8 ao 14 de agosto na cidade da Coruña. Máis de 20 artistas convidados participarán na 25ª edición de Viñetas desde o Atlántico, o Salón Internacional do Cómic de Galicia que comezou no ano 1998 e que celebra neste 2022 as súas vodas de prata. Este 2 de agosto presentouse a imaxe desta nova edición, cun cartel nostálxico e colorido, deseñado por Miguelanxo Prado, director do festival, debuxante e gañador do Premio Nacional de Cómic 2013.

Nesta edición de Viñetas desde o Atlántico, A Coruña acollerá a un total de 21 debuxantes convidados para expoñer as súas obras na cidade, achegando o mellor talento da banda deseñada á cidadanía. Entre os nomes dos convidados e convidadas atópanse referentes do manga español como Fidel de Tovar e Dani Bermúdez e novelistas gráficas como as galegas Alicia Jaraba ou Emma Ríos.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e o director de Viñetas desde o Atlántico, Miguelanxo Prado, na presentación da imaxe do festival este 2 de agosto. Imaxe: Twitter / Concello de A Coruña (@ConcelloCoruna)

Como novidade, nesta edición estrearase unha nova figura, a de Esther, a personaxe deseñada por Purita Campos, que pasará a formar parte do elenco que percorre as rúas da cidade para animar aos máis pequenos a coñecer as ‘Viñetas’, comoBatman, Spiderman, Astérix e Obélix ou Pitufina.

A Coruña acollerá a un total de 21 debuxantes convidados para expoñer as súas obras na cidade, achegando o mellor talento da banda deseñada nesta edición de Viñetas desde o Atlántico

Ás exposicións situadas no Quiosco Alfonso, Palexco, Sala de Exposicións do Pazo de María Pita ou o Aquarium Finisterrae, que acollerán as mostras dos e das artistas convidadas, sumarase a emblemática Torre de Hércules. O monumento será escenario dunha exposición cos carteis das 25 edicións de Viñetas desde o Atlántico coa que o público poderá repasar a historia do tradicional evento.

A Torre de Hércules, protagonista indiscutible

O emblema da cidade, a Torre de Hércules, volve a repetir protagonismo no cartel da 25ª edición. O faro coruñés apareceu en todos os carteis que ao longo deste cuarto de século serviron para presentar cada edición do festival. Non en balde, esa é a única condición que se lle impón aos autores encargados de deseñalo.

Cartel da 25ª edición de Viñetas desde o Atlántico, deseñado por Miguelanxo Prado

Nesta ocasión, Miguelanxo Prado optou por converter á propia Torre nun cómic, cuns operarios ‘construíndo’ as viñetas ao seu carón. Ademais, varios globos surcan os ceos recordando a importancia do cuarto de século que cumpre este Salón Internacional do Cómic na cidade da Coruña.

As referencias non rematan aí, xa que Miguelanxo aproveitou tamén para homenaxear ao propio mundo dos cómics (pódense ver personaxes emblemáticos do mundo da banda deseñada como Batman ou Tintín entre a multitude que admira á Torre de Hércules) e ao propio festival, coa Torre emitindo un raio de luz en forma de ‘bocadillo’, da mesma forma que o facía no primeiro cartel de Viñetas desde o Atlántico en 1998.

Cartel da primeira edición de Viñetas desde o Atlántico en 1998, deseñado tamén por Miguelanxo Prado

Un selo polos 25 anos de historias

Co gallo da celebración desta edición do salón, Viñetas desde o Atlántico tamén contará cun selo conmemorativo de Correos España. O distintivo recolle a imaxe do cartel deste ano, co obxectivo de celebrar os 25 anos de historias e viñetas.

Selo conmemorativo pola 25ª edición de Viñetas desde o Atlántico. Imaxe: Twitter / Concello de A Coruña (@ConcelloCoruna)

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, agradeceu a colaboración de Correos pola edición dedicada ao 25 aniversario, “un enorme aliciente para os afeccionados á filatelia e que non deixa de ser unha proba máis da singularidade e importancia do noso salón”.

Ademais, a rexedora aproveitou para agradecer a Miguelanxo Prado o seu traballo á fronte de ‘Viñetas’ estes 25 anos “facendo que hoxe A Coruña sexa un dos salóns de referencia do panorama nacional e internacional, con artistas e visitantes chegados dende o estranxeiro demostrando que a banda deseñada xa botou raíz na Coruña”.

Polo festival pasaron estes anos autores de altura: premios Nacionais de Cómic, Premios Eisner (os Ócar da novena arte), referentes americanos dos heroes da Marvel ou DC Comics; autores das novelas gráficas máis singulares, dos tebeos infantís máis recoñecidos ou lendarios creadores de manga xaponés.

E, mesmo así, Viñetas desde o Atlántico nunca esqueceu o mundo editorial. De aí esoutro clásico do festival, a Rúa da BD, un espazo que acolle cada edición ao redor de trinta librarías especializadas de toda España. Ao seu carón, as editoriais terán igualmente este 2022 unha carpa na que presentar as súas novidades.

Artículo anterior
Arsenal

El diseño tras las camisetas de fútbol: Arsenal

Siguiente artículo
innovación

Novo impulso económico á innovación en Galicia