Vilagarcía crea “Vilabotrato”, a campaña do 25N feita pola cidadanía

Un proceso pioneiro de escoita reúne a máis de cincuenta veciñas e veciños para definir colectivamente que significa o bo trato na vila


REDACCIÓN


Vilagarcía de Arousa vén de presentar unha iniciativa pioneira en Galicia con motivo do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres: Vilabotrato, a primeira campaña institucional deseñada a partir dun proceso real de participación cidadá que reuniu a máis de medio cento de veciñas e veciños de distintas idades, barrios e ámbitos sociais.

A proposta, coordinada polo Concello e acompañada polas consultoras Prisma Igualdade e a axencia creativa As Peaky Branders, nace cun obxectivo claro: converter o “bo trato” nun concepto vivo e colectivo, construído desde as experiencias reais da vila.

Un proceso de escoita que dá voz á vila

A chamada Xornada de Escoita celebrouse o pasado 27 de outubro e dividiuse en dúas sesións diferenciadas. Pola mañá, alumnado de todos os centros de secundaria participou en dinámicas como O paraugas do botrato ou O botrato en todos os espazos, explorando como viven o bo trato na casa, na rúa, na comunidade e nas redes sociais.

A proposta nace cun obxectivo claro: converter o “bo trato” nun concepto vivo e colectivo, constituído desde as experiencias reais da vila

Pola tarde, persoas adultas de perfís diversos retomaron as reflexións da mocidade e ampliáronas coas súas propias vivencias. Das súas achegas xurdiron palabras, colaxes e definicións que deron forma a unha visión común e interxeracional sobre o que significa convivir en igualdade.

A análise das participacións revelou un patrón claro: “o botrato non ten unha única definición”. De aí xorde Vilabotrato, un termo que recolle todas as dimensións achegadas pola veciñanza: corpo e límites, coidados e privacidade, relacións e emocións, espazo público e seguridade, educación e pensamento crítico, así como acción e compromiso social.

A primeira campaña deseñada desde abaixo

A iniciativa introdúcese como unha ruptura cos modelos institucionais tradicionais. Nesta ocasión, non é o Concello quen fala, senón a propia cidadanía. Frases, debuxos e reflexións elaboradas durante a Xornada de Escoita convértense agora no eixo visual e conceptual da campaña do 25N, que poderá verse nos soportes físicos e dixitais repartidos por toda Vilagarcía.

A iniciativa introdúcese como unha ruptura cos modelos institucionais tradicionais

O Concello destaca que este enfoque pretende que a cidade “se recoñeza a si mesma” e que o discurso sobre igualdade, corresponsabilidade ou liberdade parta directamente das persoas que habitan a vila.

Resultados abertos ao público e continuidade da campaña

O goberno local puxo xa á disposición da veciñanza un dossier completo coas conclusións do proceso, que inclúe dinámicas, achados clave e material gráfico da campaña. O documento pode descargarse na ligazón facilitada polo Concello.

Ademais, a institución municipal quere que Vilabotrato sexa un proxecto en evolución. Por iso invita a calquera persoa interesada a enviar a súa propia definición de bo trato ao correo vilabotrato@vilagarcia.gal, coa vontade de manter viva unha campaña que promove unha Vilagarcía libre de violencias machistas.

Artículo anterior

Os Premios Paraugas celebran os seus dez anos de historia cun aniversario para o recordo

Siguiente artículo

La Gen Z exige a las marcas coherencia, creatividad y verdad