RuralLab

O proxecto RuralLab levará a innovación ao rural galego

Obradoiros, exposicións e charlas formaron parte da programación do Festival de Innovación Social: Ares Innova 2021


MARÍA EIMIL


Transformar Galicia de maneira colectiva foi o reto principal do Festival de Innovación Social: Ares Innova 2021, un encontro organizado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia que tivo lugar os días 1, 2 e 9 de outubro en tres escenarios distintos: Montefaro, Redes e Ares.

O evento foi o primeiro dun total de catro que se desenvolverán en Galicia e que buscan fomentar a participación cidadá e deseñar unha serie de accións co fin de levar a innovación rural e social a toda a comunidade.

A través deste proceso participativo a Axencia Galega de Innovación (Gain) está a dar forma á Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia para o período 2021-2027, que será pioneira na incorporación da innovación social como eixe prioritario.

Obradoiros, exposicións e charlas, na programación do festival

O mosteiro de Santa Catalina de Montefaro (Ares) foi o lugar escollido para a presentación de RIS3 Galicia 2021-2027, que comezou coa intervención da directora de Gain, Patricia Argerey, quen agradeceu a implicación de expertos en deseño estratéxico e innovación social e dos colectivos sociais de Ares.

Obradoiros, exposicións e charlas formaron parte da programación do Festival de Innovación Social: Ares Innova 2021, que ten como obxectivo encarar retos para potenciar o talento, redefinir as profesións do futuro, impulsar unha economía sustentable e crear emprego de calidade para transformar a comunidade. Tamén neste marco tivo lugar a presentación do proxecto RuralLab e das súas residencias para a innovación social e creativa para a transformación economía sustentable.

O proxecto RuralLab para a zona de Ferrolterra foi o fío conductor do festival

Ademais, o programa completouse cun debate sobre a innovación para transformar o rural no que participaron os deseñadores e expertos Alberto Barreiro, Manuel Vázquez, Patricia Gabeiras e Nuria Alonso, moderados por David Barro.

Creación de emprego e novas oportunidades: os retos de RuralLab

O proxecto RuralLab para a zona de Ferrolterra foi o fío conductor do festival e del saíron unha serie de iniciativas para recuperar algúns espazos deste municipio, como o bosque autóctono de Montefaro ou un programa para aproveitar os excedentes das explotacións agrícolas, entre outras. Neste senso o obxectivo foi tratar de localizar talento e formar equipos para abordar as iniciativas.

Os principais retos de RuralLab son os económicos, como a creación de emprego e novas oportunidades, que se materializa en ideas concretas aplicables ao turismo sustentable, ao deportivo e ao relacionado co patrimonio cultural e inmaterial, cos novos negocios dixitais e coas novas formas de traballo.

Esta iniciativa naceu da man da Fundación DIDAC e da Fundación Gabeiras e conta coa colaboración da Fundación Paideia Galiza, do Ministerio de Cultura, de Medialab Prado e máis da Xunta a través do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA.

Artículo anterior
Comunicación e Igualdade

A igualdade no xornalismo, a debate no 9º Foro da Comunicación de Galicia

Siguiente artículo
VI Premios Paraugas

O reencontro máis agardado da comunicación e do márketing de Galicia