Un océano de cociñas degústase xa no Galicia Fórum Gastronómico

Fotos: AirOn Estudio

Máis de 100 actividades e 45 estrelas Michelin protagonizan a edición máis esperada do Galicia Fórum Gastronómico, que se celebra en ExpoCoruña ata o 25 de marzo


ROCÍO MOARES


A décima edición do Galicia Fórum Gastronómico (GFG) suma 45 estrelas Michelin e grandes doses de talento emerxente que durante tres días protagonizan máis de 100 actividades en ExpoCoruña, que se converte en punto de encontro de profesionais e amantes da gastronomía dende o 23 ao 25 de marzo.

Esta décima edición do Galicia Fórum Gastronómico ten como tema principal ‘Un océano de cociñas’ para homenaxear a diversidade culinaria existente no arco atlántico. Trátase dunha “cita imprescindible para o sector, tanto en Galicia como en toda España, onde se recoñece a excelencia, o talento e a vontade de seguir crecendo», segundo indicou na xornada inuagural o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

A directora do Galicia Fórum Gastronómico, Ana Trevisani, destacou a súa aposta “pola innovación, polo produto local e pola creatividade dos nosos profesionais”, o seu compromiso pola “transmisión de coñecemento, de formación, de reflexión sobre o futuro do sector e a responsabilidade coas boas prácticas”, así como a consolidación dun vínculo “baseado na paixón, na excelencia e no compromiso coa gastronomía”.

Así, na súa edición máis esperada, o Fórum puxo en marcha, en colaboración con Gadis, unha nova edición do Premio Cociñeiro Galego 2025 que gañou Víctor Basante, de Arrueiro, en Laxe, co seu prato ‘Pescada, manteiga de chourizo e pil pil da súa cabeza’, impoñéndose a Arón Álvarez, de Os Maristas; Bret Fernández, de Prebe; Nel Parada, de Nordestada; e Miguel Vázquez, de Atípico, e que constituíu un dos momentos máis emocionantes da xornada inaugural, na que non faltou unha mostra da cociña que vén na Coruña con nomes como os de Nacho Moreira, Chechu Rey ou Manuel Triay.

Víctor Basante proclamouse Cociñeiro Galego 2025 co seu prato ‘Pescada, manteiga de chourizo e pil pil da súa cabeza’

Ademais de sumilleres como Tomás Ucha, de DiverXo, ou Marta Cortizas, de El Celler de Can Roca, a axenda encheuse de interesantes propostas como os xa consagrados chefs Marcos Morán, o cociñeiro que máis veces participou nos Fórum, ou a portuguesa Rita Magro, que gañou recentemente a súa primeira estrela Michelin.

O broche de ouro da xornada inaugural correu a cargo de Joan Roca, cociñeiro do mellor restaurante do mundo, El Celler de Can Roca, que subiu ao escenario do Galicia Fórum Gastronómico para falar da cociña do mar cunha impecable posta en escena.

A paisaxe que sabe: 30 iniciativas para saborear a provincia

A Deputación da Coruña amosa no GFG ‘A paisaxe que sabe’ ata o martes 25 de marzo a través dunha decena de produtores da provincia e un amplo programa de case 30 iniciativas no seu stand. Así, a Deputación da Coruña pon o foco nos elementos paisaxísticos que alimentan a gastronomía da provincia e reforza a estratexia de compromiso cun turismo de calidade, que promova a preservación do medio e a mellora socioeconómica da contorna.

Os produtores locais que van da man da Deputación este ano son: A Despensa D’Lujo (Coristanco), Cafés Lúa (Carballo), Chichalovers (Santiago de Compostela), Galmesán (Arzúa), Martietas de Fío (Bergondo), Orixes Galegas (Boqueixón), San Isidro Bakery (Bergondo), Sotavento (Outes) e Vánagandr (Cambre). Ademais, a institución provincial ofrece durante os tres días do evento no seu stand un programa con almorzos, showcookings e degustacións desde as 11:00 horas ata máis alá das 18:30 horas.

Joan Roca puxo o broche de ouro a unha primeira xornada que tamén contou coa portuguesa Rita Magro, co asturiano Marcos Morán e co sumiller Tomás Ucha, entre outros moitos

Para estas actividades, a Deputación tamén conta con presentacións dos centros colaborativos da Fusquenlla (Moeche) ou Brión e chefs como Nel Parada (Nodestada, en Portosín), Víctor Basante (Arrueiro, en Laxe), Iria Espinosa (Árbore da Veira, A Coruña), Miguel Vázquez (Atípico, A Coruña), Nair González (Muelle 43, Mugardos) ou Lucía Freitas (A Tafona, Santiago).

O Fórum continúa este luns con novas citas como as que protagonizarán Elena Arzak, Marsia Taha, mellor cociñeira de Latinoamérica, ou Ricard Camarena, entre outros moitos. Ademais, Estrella Galicia celebra o Campionato Galego de ‘Tiraje’ de Cervexa, que reunirá a 20 hostaleiros das catro provincias nunha competición que valora o nivel de destreza destes aspirantes, e a presentación do seu proxecto de Cervexarías Circulares e da proposta de divulgación Imprefectxs, que incide no potencial xerador de impacto positivo dentro do mundo da gastronomía cun relatorio do chef Carlos Casillas.

Artículo anterior

Gráficas Salnés, innovación y sostenibilidad en el packaging gallego

Siguiente artículo

II Foro Dircom Galicia: comunicación estratégica para el éxito empresarial