Esta é a primeira peza audiovisual que recolle toda a vida do párroco Elías Valiña, creador das frechas amarelas e gran promotor do Camiño de Santiago e a ruta xacobea
REDACCIÓN
O éxito deste ano Xacobeo ten moito que agradecer a Don Elías Valiña, unha figura clave no desenvolvemento turístico, económico e social do Camiño de Santiago no século XX. Este párroco de O Cebreiro foi o responsable de crear unha das señaléticas máis coñecidas en todo o mundo: as frechas amarelas da ruta xacobea. Por este motivo, a asociación ACUDE Rural decidiu realizar un documental sobre a vida de Elías Valiña e o seu legado, coa colaboración de Arraiano Producións e dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
Este proxecto documental multimedia (composto por pezas audiovisuais, unha galería fotográfica con arquivos inéditos e mesmo varios podcast), busca reivindicar e divulgar, dentro e fóra de Galicia, a figura de Elías Valiña como un dos principais estudiosos e precursores do asociacionismo xacobeo e tamén como un dos actores fundamentais no rexurdimento contemporáneo do fenómeno das peregrinacións a Santiago.
Un documental sobre o home que reviviu ao Camiño
O documental, peza central deste proxecto, está dirixido por Aser Álvarez. Baixo o título de Elías Valiña, o inventor das frechas amarelas este proxecto recupera a historia vital do cura do Cebreiro, recoñecendo o seu papel e achegándose a familia, expertos da sua traxectoria e da ruta xacobea, amigos e coñecidos para por en valor o seu legado.
A peza, que pode verse de maneira totalmente gratuíta na web, recolle toda a historia de Elías, dende o seu nacemento en Sarria en 1929, a súa posesión de cargo como cura do Cebreiro en 1959 e todo o traballo posterior por dinamizar as zonas rurais de Galicia con o Camiño como gran protagonista.
Así comeza unha labor de dinamización da comarca buscando mellorar a calidade de vida dos seus habitantes ao mesmo tempo que axuda aos poucos peregrinos que nese momento pasan polo Cebreiro cara Santiago. Segundo vai pasando o tempo, Elías Valiña convértese no principal investigador e divulgador do Camiño de Santiago, recuperando tramos perdidos polo paso do tempo e realizando as primeiras cartografías das rutas para axudar aos peregrinos e marcando dende Roncesvalles o camiño establecido coas icónicas frechas de cor amarelo.
Como explican dende Arraiano Producións, “a labor de Elías no Cebreiro debeuse a un gran esforzo e traballo constante realizado tanto por el coma pola súa familia, especialmente as súas irmáns Pilar e Amelia e os seus sobriños. Deste xeito, O Cebreiro converteuse nun dos puntos de referencia das rutas xacobeas e as frechas amarelas de Elías Valiña nun símbolo universal”.