Tesouros Reais atraeu visitantes de 63 países diferentes
REDACCIÓN
Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum despídese da Cidade da Cultura de Galicia con preto de 40.000 visitas, o que representa unha media diaria de 338 persoas ao longo dos 118 días que estivo aberta ao público. Este balance sitúa a exposición entre as máis visitadas das mostras organizadas ata agora polo Museo Centro Gaiás, xunto a propostas como Faraón. Rei de Exipto ou Galicia, un relato no mundo.
Esta exposición internacional, que en España só puido visitarse en Santiago de Compostela, continuará en Florencia o exclusivo circuíto internacional que limita a súa exhibición a só catro cidades do mundo (Lisboa, Santiago de Compostela, Florencia e un destino en Estados Unidos aínda por revelar).
A elevada demanda de público interesado levou a programar 351 visitas comentadas, número que representa unha oferta sen precedentes nos 12 anos de historia do Museo Gaiás. Desde a inauguración de Tesouros Reais o pasado 21 de marzo, preto de 10.000 persoas participaron nalgunha destas visitas organizadas polo Servizo de Mediación da Cidade da Cultura, que se ofertan de balde.
Tesouros Reais foi visitada por persoas de 63 países diferentes e atraeu ao longo da súa estancia en Santiago de Compostela a institucións culturais internacionais, como a Frick Collection de Nova York, ou de medios especializados globais, como National Geographic, que organizou na capital galega unha das súas Experiencias Únicas.
Obras inéditas
Ademais de ter a posibilidade de gozar de obras nunca antes exhibidas en España, a exposición permitiu consolidar os lazos entre dúas das principais cidades destino de peregrinacións para o Cristianismo: Xerusalén e Santiago de Compostela. De feito, a mostra incluíu pezas do patrimonio galego que subliñaban estas conexións históricas.
Con motivo da mostra, equipos técnicos da Cidade da Cultura levaron a cabo tarefas de restauración en obras de Galicia que agora poden ser contempladas en mellor estado; entre elas, catro maquetas de madeira e nácara, varias cruces e un relicario dos mesmos materiais, así como unha pintura do século XVIII titulada San Francisco ante o altar de Santiago.
A elevada demanda levou a programar 351 visitas comentadas, nas que se inscribiron preto de 10.000 persoas
A exposición permitiu tamén outorgar unha maior visibilidade a obras galegas de extraordinaria relevancia histórica, pero non demasiado coñecidas polo público, como unha das maquetas máis detalladas do mundo da Basílica do Santo Sepulcro, pertencente aos fondos do Museo de Terra Santa de Compostela, actualmente pechado ao público.
Tesouros reais foi organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, en colaboración coa Custodia Franciscana de Terra Santa e o Museo Calouste Gulbenkian, institución portuguesa responsable da exhibición en Lisboa.
A mostra contou co historiador francés Jacques Charles-Gaffiot como comisario internacional. En Galicia, formaron parte do comisariado executivo do proxecto a directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago e presidenta do Consello Galego de Museos, Esperanza Gigirey, o ministro provincial da orde dos franciscanos en Santiago de Compostela, Juan Manuel Buján, e André das Neves Afonso, conservador do Museo Calouste Gulbenkian., André Afonso; e o ministro provincial da Orde Franciscana en Santiago de Compostela, Juan Manuel Buján.