Tendencias e experiencias reais, no V Foro de Márketing e Vendas

V Foro de Márketing e Vendas

Os profesionais puideron “encher a mochila de ideas” no Foro de Márketing e Vendas


MARÍA EIMIL


“Aprender experiencias reais e encher a mochila de ideas” foi o obxectivo do segundo o V Foro de Márketing e Vendas, segundo explicou o presidente de Markea, José Cabanas. Organizado por Markea e APD, o evento tivo lugar esta mañá no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Xunto a el estivo Ana Sánchez (directora APD Noroeste), que definiu outro dos obxectivos principais do foro: “adiantar tendencias e evolucionar cos clientes”.

Integrar a estratexia de datos no crecemento das empresas foi unha das tendencias que se analizou no foro da man da CEO de Iuni Strategic Marketers. Beatriz Pereira analizou un caso de éxito de Heineken, no que se utilizaron os datos para cambiar unha estratexia. Neste caso, a tecnoloxía, e máis concretamente a xeolocalización dos seus clientes, permitiu que a cervexeira enviara aos seus vendedores a un bar no que entraban consumidores do seu produto pero no que este non estaba a distribuírse.

O márketing na estratexia de crecemento das empresas

“O márketing dixital permite medir absolutamente todo”, foron algunhas das palabras da Sales & Marketing Manager de QBITIA durante o evento. Sandra Rodríguez explicou como os datos teñen o poder de cambiar unha estratexia e puxo o exemplo da startup financeira Fintech, que naceu ofrecendo un único produto: un software que invertía automaticamente en bolsa. Sen apenas orzamento, esta empresa tivo que apostar dende o primeiro momento polo márketing dixital e sempre tendo en conta os datos obtidos. “Á hora de medir non podes estar só. A cultura da organización debe basearse neses datos e todos os departamentos teñen que compartilos”, sinalou durante a súa intervención.

Foro Markea

O fin das cookies de terceiros

Outra das tendencias analizadas no evento foi a fusión de tecnoloxía e márketing, Martech, que ten como resultado a Intelixencia Artificial, chat márketing e o cookieless world. Neste espazo, tanto a responsable de Márketing e Comunicación de Dinahosting, Lucía González; como Cristina Franco, Márketing & Business Development Manager de Orienteed, falaron do fin de cookies de terceiros. No primeiro caso, González, explicou que decidiron eliminalas xa no ano 2018 e que o seu cliente pode ter a seguridade de Dinahosting non cede os seus datos a Google. Doutra banda, Cristina Franco apuntou que isto supón un desafío moi importante para os profesionais do márketing e subliñou que o futuro está no videochat.

Outra das tendencias analizadas no foro foi a fusión de tecnoloxía e márketing

Imaxe corporativa, e-commerce e as vendas B2B

O V Foro de Márketing e Vendas tamén serviu para analizar a importancia da imaxe corporativa para fortalecer a marca, “a cara visible da empresa”, como indicou o director do departamento de Marcas de Herrero & Asociados, Andrés Gómez. Ademais, o evento tamén abordou o reinado do e-commerce e os retos nas vendas B2B.

Artículo anterior
Diseño Madrid Festival

El presente y el futuro del diseño, en Madrid Design Festival

Siguiente artículo

Dircom estrea perfil en Instagram co gallo do seu 30 aniversario