A Tarxeta de Mobilidade de Galicia permite viaxar de balde no transporte público aos maiores de 65 anos

A Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) pódese adquirir nas oficinas de Abanca


REDACCIÓN


Os maiores de 65 anos xa poden viaxar de balde no transporte público da nosa comunidade empregando a Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) grazas a unha medida que entrou envigor o pasado 1 de xaneiro. Así, os maiores de 65 anos que teñen esta tarxeta, a TMG, xa viaxan de forma gratuíta no transporte público autonómico, que abrangue as máis de 3.600 liñas de autobús interurbano, o transporte da ría de Vigo e o ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol, ademais do autobús urbano no caso de Pontevedra e de Ferrol, no que estes servizos se prestan a través de concesións de transporte autonómicas.

Para acollerse a esta iniciativa, as persoas maiores de 65 anos deben dispoñer da Tarxeta de Mobilidade de Galicia, a TMG, que se pode adquirir nas oficinas de Abanca e aboar con ela as súas viaxes.

Segundo os datos dispoñibles, na actualidade son xa arredor de 53.000 galegos maiores de 65 anos os que dispoñen deste dispositivo. Para todos aqueles interesados que aínda non conten coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia poden solicitala nalgunha das máis de 180 oficinas de Abanca que hai habilitadas en toda a comunidade.

Ata 60 viaxes gratuítas ao mes

Este dispositivo funciona dun xeito similar ao da tarxeta Xente Nova, para os menores de 21 anos. Deste xeito, coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) os maiores de 65 anos poden realizar ata 60 viaxes gratuítas ao mes no transporte público autonómico.O importe é devolto posteriormente, cargando a bonificación na tarxeta nun caixeiro automático de Abanca.

A medida aplícase en máis de 3.600 liñas de autobús interurbano, no transporte da ría de Vigo e no ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol, ademais do autobús urbano de Pontevedra e de Ferrol

Neste sentido, o importe das viaxes realizadas na primeira quincena do mes reintégrase a partir do día 5 do mes seguinte; e o importe dos desprazamentos efectuados na segunda quincena do mes, pódese recuperar a partir do día 20 do mes seguinte.

Se por calquera razón a persoa que xa dispón da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) precisara substituíla ou solicitar unha nova, por exemplo por extravío, pode adquirila aboando dous euros en calquera oficina autorizada de Abanca. Para este trámite é necesario pedir cita previa e acudir co DNI.

Toda a información relativa a esta medida de fomento do transporte público e a prol dunha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio pode consultarse a través da páxina bus.gal ou tamén a través do teléfono 988 687 800.

Artículo anterior

Heidelberg modificará su Consejo de Supervisión en la próxima Asamblea General Anual

Siguiente artículo

Canon celebra el éxito de la serie varioPRINT 6000 TITAN con nuevas actualizaciones