Sete importantes creativos participarán no coloquio ‘Fálame do teu’


MARÍA EIMIL


A directora creativa de Facebook Spain, Pepa Rojo; o director da axencia Dimensión e ex-presidente do Club de Creativos, Guillermo Viglione; o director de Creatividade Galega, Julián Abad, ou o creativo freelance Carlos Yuste son algúns dos profesionais que estarán presentes no coloquio ‘Fálame do teu’, que terá lugar este venres, 19 de novembro, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra a partir das 12:00 horas.

“Son, sen lugar a dúbidas, sete dos creativos publicitarios máis importantes que hai en España. Aválanlles os premios e ter traballado para as principais axencias e anunciantes”, salienta Paulino Pérez, vicedecano de Comunicación.

Un coloquio “informal” que volve ás raíces

Un dos obxectivos desta iniciativa é “recuperar o espírito” do primeiro ‘Fálame do teu’, unha serie de coloquios que a facultade levou a cabo no ano 2009. Ademais, o evento servirá tamén para promocionar a facultade e mailo Grao en Publicidade e Relacións Públicas entre algunhas das principais axencias publicitarias do país e os profesionais do sector.

Segundo Pérez, ‘Fálame do teu’ será un coloquio “relativamente informal e distendido, pero sen perder de vista unha compoñente didáctica”. De xeito, non haberá un moderador ao uso, senón que o director creativo de Verve, Santiago Romero, será o encargado de ir producindo os diferentes temas dun coloquio no que haberá espazo para “pór en contexto o momento que está vivindo a publicidade”.

Un evento aberto ao público ata completar aforo

Organizado por Creatividade Galega en colaboración coa facultade e co financiamento da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, o coloquio estará aberto ao público ata completar aforo. Este “diálogo entre creativos” está dirixido tanto ao alumnado como a egresados, profesionais e a todo o público interesado.

Con máis de 25 anos de experiencia en axencias como Ogilvy, McCann Erickson ou Lowe, nas que traballou para anunciantes como Once, Movistar ou a DGT, Carlos Yuste será un dos participantes no coloquio, no que os asistentes tamén poderán escoitar ao director de Creatividade Galega e socio fundador e director creativo executivo de Wise, Julián Abad. Tamén estarán presentes os socios fundadores da axencia Pingüino & Torreblanca, José Luis Moro e Pablo Torreblanca.

Artículo anterior
márketing industrial

Cómo vender buques de guerra y otras claves del márketing industrial

Siguiente artículo
Canon Emea

La innovación en el mundo editorial, epicentro del Canon Future Book Forum