Sara Regal – Premio Galicia de Innovación e Deseño 2022 na categoría Talento Emerxente
“Esfórzome por crear pezas que perduren no tempo”
S. ÁLVAREZ
¿Que supuxo para ti recibir o Premio Galicia de Innovación e Deseño 2022 na categoría Talento Emerxente? O premio abriu portas e permitiume establecer contacto con profesionais e industria, creando novas colaboracións e proxectos enriquecedores. A nivel persoal, sentir que o meu esforzo e dedicación son recoñecidos na miña terra encheume de satisfacción. Supuxo un punto de inflexión na miña carreira e un motivo máis para seguir traballando con paixón polo desenvolvemento de Galicia.
Expós en galerías de todo o mundo. Galicia reflíctese na túa obra? Crecín en Viveiro. Medrar en contacto co mar, coa montaña e co clima define a miña creatividade. Puiden apreciar a importancia de preservar o contorno natural que nos rodea. Estar rodeada de artes e oficios que desenvolven o seu traballo de forma respectuosa co medio ambiente e facendo as cousas para durar inspiroume a buscar a durabilidade e a sustentabilidade. Busco utilizar materiais e procesos respectuosos cos tempos nos que vivimos e esfórzome por crear pezas que perduren no tempo.
A sustentabilidade é unha constante no teu traballo. Como é o proceso? Traballo con materiais de refugallo para crear materiais de reciclaxe que se adapten a métodos de produción sostibles. Para min, tanto os procesos como o obxectivo final son de gran importancia. A busca adoita ocorrer de forma natural. É sorprendente a cantidade de recursos que consideramos lixo e que poderían ser aproveitados de maneiras creativas.
Animarías a presentarse ao certame? Sen dúbida. Pode abrir portas e oportunidades, pode impulsar a carreira ou o proxecto. Participar pode ser unha experiencia enriquecedora.
As candidaturas á convocatoria da cuarta edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño poden presentarse ata o vindeiro 2 de outubro
Nova convocatoria
Xa está aberta a convocatoria da cuarta edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño. As candidaturas poden presentarse ata o vindeiro 2 de outubro. Estes galardóns son unha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, para recoñecer a contribución singular tanto dos profesionais como das empresas do sector ao desenvolvemento económico e social en Galicia.
O certame conta con seis categorías, das que tres están especificamente dirixidas a recoñecer ás persoas que contribúen de xeito relevante á mellora do prestixio do deseño galego e ás compañías que son un exemplo de como o deseño actúa como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade cando se incorpora á súa estratexia empresarial. Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de alomenos cinco anos, outro para empresas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década como mínimo e outro para deseñadores e deseñadoras de ata 35 anos de idade e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.
As outras tres categorías recoñecen a persoas e empresas galegas que representan o valor da innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da estratexia profesional e do crecemento no mercado, respectivamente. A categoría de traxectoria innovadora recoñece a profesionais e líderes empresariais cunha experiencia de alomenos dez anos na que a innovación tivese un papel relevante. Por último, as categorías de grande empresa e pemes distinguen ás compañías cunha actividade innovadora destacada de alomenos dez e cinco anos, respectivamente.
Os premios á grande empresa no apartado de innovación e á empresa no apartado de deseño teñen carácter honorífico, mentres que todos os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un.
Criterios de avaliación
Entre os criterios de avaliación, o xurado das categorías de innovación terá en conta a traxectoria e a actividade innovadora, así como o posicionamento e o impacto da innovación na mellora da capacidade competitiva. O xurado dos galardóns de deseño valorarán a traxectoria e a achega realizada, así como o impulso á innovación a través dos proxectos de deseño.
Así, os Premios Galicia de Innovación e Deseño destacan as mellores prácticas para que sirvan de inspiración a todo o tecido empresarial, poñendo de relevo como a innovación e o deseño son esenciais para mellorar a competitividade das empresas e a calidade de vida das persoas.
O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.