Do 15 ao 17 de outubro reúnense no CGAC e no Museo do Pobo Galego os principais representantes do deseño de España
Os días 15, 16 e 17 de outubro, Santiago será a capital do IX Encontro Nacional de Deseño (9ENAD), un evento organizado pola Rede Española de Asociacións de Deseño (READ) e pola Asociación Galega de Deseño (DAG) que conta co patrocinio da Xunta de Galicia e coa colaboración do CGAC, do Museo do Polo Galego e World Design Capital Valencia 2022.
Este encontro buscar crear un espazo de intercambio de opinións e información entre expertos do sector e divulgar as tendencias relevantes no diferentes ámbitos do deseño. Nesta edición, baixo o tema “Identidade e Territorio”, os participantes poñerán en común o valor da cultura e a traza diferencial que esta representa, ademais doutros temas como a internacionalización, as necesidades das persoas ou o deseño sostible, inclusivo e feminista.
A asistencia ao IX Encontro Nacional de Deseño (9ENAD), é gratuíta previa inscrición
Un dos eixes fundamentais dos ENAD son as mesas de traballo, onde as persoas interesadas poden intervir e aportar ideas. Este ano traballarase con From Spain With Design (FSWD) un proxecto de READ para a proxección internacional do deseño español, Arquivo do Deseño, Proxectos Internacionais, Gráficas en Negro e Boas Prácticas. Ademais, haberá unha mesa pechada, a de Estratexia do Deseño.
Para asistir ás conferencias e ás mesas de traballo debe facerse a inscrición previa xa que as prazas son limitadas. Ademais, as conferencias serán retransmitidas en directo a través da canle de YouTube de READ.
Programación
O programa desta novena edición presenta dous días completos de actividade que se inician o venres 15 coa inauguración institucional e a presentación do “Estudo da economía do deseño en Galicia” de GAIN/DAG. A continuación, a presidenta de Experimentadesing, Guta Moura Guedes, impartirá a conferencia “Primeira Pedra”, un proxecto internacional que difunde o potencial da pedra portuguesa. Durante a mañá do venres tamén se celebra a mesa redonda “Territorio e identidade” coa participación de Xènia Viladàs e inaugúrase a exposición de From Spain With Design. Será durante a xornada da tarde o momento no que se concentre o desenvolvemento das seis mesas de traballo previstas.
Ao mesmo tempo inaugúrase unha exposición no CGAC con pezas de 130 participantes que poderá visitarse ata o 30 de decembro
O sábado 16 iníciase a xornada coa conferencia “La gráfica del Laboratorio de Formas. Historia y futuro” de Marcos Dopico, profesor de deseño na Facultade de Belas Artes de Vigo, e Natalia Crecente, profesora de deseño na EASD Ramón Falcón de Lugo.
A mesa redonda organizada para ese día ten como temática o “Deseño de políticas públicas. A contratación de servizos de deseño” na que participan Mariana Salgado, deseñadora de servicios no Ministerio de Interior de Finlandia; Ángel Martínez, presidente da ADCV; e Ignacio García Fenoll, subdirector xeral de Coordinación da Innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación. Tamén será o momento para presentar as conclusións das mesas de traballo celebradas o día anterior.
A última hora da tarde, xa de forma máis distendida, celebrarase un Showroom de festivais e eventos de deseño en España e a presentación da WDC Valencia 2022 na sala Riquela, coa que se clausurará esta novena edición.
A xornada do domingo 17 de outubro será máis lúdica e está organizada unha visita ás instalacións de Sargadelos en Sada (A Coruña) e unha actividade con A2Velas de Betanzos.
Exposición “Identidade e Territorio”
Xunto co encontro de deseño, o día 15 de outubro tamén se inaugura a exposición “Identidade e Territorio” organizada por READ-From Spain With Design e que poderá visitarse ata o 30 de decembro no Centro de Arte Contemporáneo de Santiago de Compostela.
A exposición, que conta con 130 participantes, articúlase en cinco eixes temáticos: interseccións, identidade e territorio, internacionalización, sostibilidade e ficcións reais, e mostrará pezas e traballos seleccionados por un comité de profesionais de diferentes ámbitos do deseño.