
A campaña, asinada pola axencia Salúdame Siempre, ten o obxectivo de fomentar a separación dos biorresiduos e concienciar sobre a importancia da reciclaxe
REDACCIÓN
“Bótao sen drama nin confusión. Ao marrón, ao marrón!”. Con este lema tan particular, a axencia Salúdame Siempre inaugura a súa nova acción de comunicación, baixo o título “Co marrón somos máis verdes!”. A estratexia, asinada en colaboración coa Xunta de Galicia, busca poñer o foco e dar visibilidade á reciclaxe, así como impulsar a correcta separación dos biorresiduos.
Tamén intentar resolver un reto moi presente na sociedade. E é que moitas persoas aínda descoñecen a maneira correcta de separar os refugallos orgánicos dos inorgánicos, así como cal é o impacto positivo que se deriva de utilizar o contedor marrón.
A estratexia, asinada en colaboración coa Xunta de Galicia, busca poñer o foco e dar visibilidade á reciclaxe
Pero separar restos orgánicos non é só reciclar, senón que vai máis alá. Consiste en entender que o que tiramos pode ter unha segunda vida. Para facilitar o recordo, a información convértese nunha canción que enumera, sen rodeos, o que efectivamente si vai ao contedor marrón.
Unha canción vale máis que mil palabras
Bótao sen drama nin confusión. Ao marrón, ao marrón!
A espiña da faneca, a pel do salmón… ao marrón!
E se da churrascada sobraron os ósos?
ao marrón!
As mondas das laranxas, as cascas dos ovos e incluso os pousos do café!
Ao marrón, ao marrón!
Para que Galicia sexa máis verde! ao marrón!
Separa, recicla e dálle unha segunda vida aos biorresiduos. Co marrón somos máis verdes!
Este é o lema que agocha a innovadora acción de comunicación de Salúdame Siempre, que busca facer máis dinámica e comprensible a mensaxe en prol da reciclaxe e do correcto uso dos colectores do lixo. Así pois, “Menos lixo, máis verde” resume á perfección esa mensaxe. Para que cale no espectador, non o din, senón que o cantan. Literalmente. Porque separar biorresiduos pode ser tan sinxelo como seguir o ritmo dunha canción.
A acción busca facer máis dinámica e comprensible a mensaxe en prol da reciclaxe
A creatividade non podía ser outra que a de Salúdame Siempre, Ads for people, crafted by people. Con esta campaña, a axencia creativa reforza a súa aposta por comunicar dende as persoas e para as persoas, con pezas destinadas a perdurar na memoria máis alá da inmediatez das métricas e dos algoritmos.