Santiago Rey Fernández-Latorre e Marisa Guitián, Premios Honoríficos dos X Premios Paraugas

O Clúster da Comunicación de Galicia recoñece a traxectoria destes profesionais e a súa contribución ao xornalismo galego


REDACCIÓN


O Clúster da Comunicación de Galicia acaba de anunciar os nomes dos galardoados cos Premios Honoríficos da X edición dos Premios Paraugas: Santiago Rey Fernández-Latorre, histórico editor e presidente de La Voz de Galicia, en Comunicación; e Marisa Guitián Martínez, fundadora e directora da axencia Idea Creatividad y Comunicación, en Creatividade.

A entidade recoñece así dúas traxectorias referenciais que contribuíron de maneira decisiva ao crecemento e prestixio da industria da comunicación, a publicidade e a creatividade en Galicia.

Santiago Rey Fernández-Latorre, referente do xornalismo galego

Nado na Coruña en 1938, Santiago Rey Fernández-Latorre foi unha das figuras máis influentes do xornalismo e da comunicación en España. Neto do fundador de La Voz de Galicia, dedicou máis de sesenta anos a modernizar o diario, impulsar a súa expansión e consolidalo como un referente informativo comprometido coa democracia, a identidade galega e os valores xornalísticos.

Santiago Rey Fernández-Latorre foi unha das figuras máis influentes do xornalismo e da comunicación en España

Impulsor de empresas pioneiras como Radio Voz ou Voz Audiovisual, tamén fundou a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. No ano seguinte ao seu pasamento o Clúster da Comunicación de Galicia lembra con este recoñecemento a súa pegada na industria.

Marisa Guitián, pioneira da creatividade publicitaria

Nada en Rubiá (Ourense) e criada na Coruña, Marisa Guitián Martínez é unha das profesionais máis recoñecidas da publicidade galega. Tras comezar a súa carreira na Cadena SER e abrir camiño nun sector tradicionalmente masculino, fundou a cooperativa Idea, que co tempo se transformou en Idea Creatividad y Comunicación, unha das axencias máis destacadas do país.

Marisa Guitián Martínez é unha das profesionais máis recoñecidas da publicidade galega

Durante máis de 43 anos liderou a súa evolución apostando pola innovación, a dixitalización e a formación continua, creando un modelo empresarial baseado na colaboración e na responsabilidade que consolidou Idea Creatividad y Comunicación como un referente nacional.

Os Premios Paraugas cumpren dez anos

A gala dos X Premios Paraugas celebrarase o próximo 21 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol, reunindo a toda a industria da comunicación e o márketing galego nunha noite que celebrará o talento, a innovación e a creatividade feitos desde Galicia. Organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia, o certame chega ao seu décimo aniversario cunha edición que se adapta a un contexto máis transversal e cambiante, simplificando as categorías e incorporando novos criterios que reflicten a evolución do sector.

Nesta edición entregaranse dez galardóns e cinco Premios Especiais, ademais dos Honoríficos. Entre estes destacan o Premio Galicia Calidade, o Premio ao Anunciante do Ano, o Premio Paraugas de Ouro – o maior recoñecemento do certame –, o Premio Novos Talentos, destinado a visibilizar ás novas xeracións, e o Premio do Público, que se decidirá mediante votación. As categorías premiarán, entre outras, a mellor produción gráfica, idea creativa, campaña publicitaria, estratexia de márketing, acción de branding ou evento profesional e cultural.

A gala dos X Premios Paraugas celebrarase o próximo 21 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol

Con esta edición especial, os Premios Paraugas consolidan o seu compromiso por destacar o talento creativo galego e impulsar proxectos que combinen innovación, calidade e impacto social, reafirmando o seu papel como principal plataforma de recoñecemento para a industria da comunicación en Galicia.

Colaboradores e patrocinadores

Estes premios non serían posibles sen o apoio dos patrocinadores e dos colaboradores que axudan a visibilizar o gran talento do sector, como son a Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol, Galicia Calidade, CESUGA, AVANT∑, PuntoGAL, TAC!, Raiola e Estrella Galicia. Os galardóns tamén contan co apoio de: Atelier, Wise, Closet Comunicación, Miraveo, Servicios Gráficos, Creatividade Galega, Markea, Dircom Galicia e OPC Galicia.

Artículo anterior

El disfraz de las guerreras K-pop de Don Disfraz se agota en tiempo récord

Siguiente artículo

Canon lanza la corrPRESS iB17 para impresión digital en cartón ondulado