Residencias literarias na Illa de San Simón

Cunha duración entre 15 días e un mes, as estadías desenvolveranse entre setembro e novembro


REDACCIÓN


Ata 12 creadores poderán participar nas residencias literarias na Illa de San Simón, situada na enseada da ría de Vigo, enmarcadas no Plan de Impulso ao Libro Galego aprobado recentemente pola Xunta. Trátase dunha iniciativa convocada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para apoiar a creación literaria e facilitar que o sector se adapte ás novas realidades, ademais de fidelizar lectores.

Con esta acción, unha ducia de persoas disporán das condicións máis idóneas para a creación grazas a unha estadía na illa pontevedresa de entre 15 días e un mes como máximo. As residencias literarias celebraranse nos meses de setembro, outubro e novembro e incluirán o aloxamento dos beneficiarios en réxime de pensión completa na Residencia Stella Maris da Illa de San Simón, en cuarto individual con espazo de traballo propio. Os participantes tamén disporán de espazos de traballo comúns, con varias estancias con conexión a Internet e cos medios técnicos e materiais básicos para o desenvolvemento do traballo creativo.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 7 de setembro. Para participar nesta convocatoria é necesario presentar unha única candidatura acompañada dun documento (máximo de 10 páxinas) que deberá incluír a explicación do proxecto de creación literaria que desenvolverá na residencia, o xénero, o idioma da obra, así como o currículo do aspirante, o seu expediente artístico e unha carta de motivación, entre outros.

Impulso á edición

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Impulso ao Libro Galego, que conta cun orzamento de tres millóns de euros, para potenciar a adaptación á transformación dixital do sector, así como a súa adecuación ás novas realidades de consumo e a fidelización dos lectores. O plan tamén promove o impulso á edición e á distribución, a proxección exterior, a difusión e o apoio ás bibliotecas públicas.

Este plan é un dos seis que conforman o Plan Xeración Cultura, dotado con 34 millóns de euros, que busca reforzar con novas iniciativas o momento de creación e expansión do sector cultural galego e unir esforzos desde a colaboración público-privada para a xeración de riqueza.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 7 de setembro

Un enclave único

A Illa de San Simón é un espazo público para o desenvolvemento cultural de Galicia, que se ubica nun enclave recuperado de gran valor patrimonial e ambiental. En 1999 foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia e tanto a illa como a súa enseada forman parte da Rede Natura 2000 como hábitat natural europeo protexido.

Ao longo de todo o ano as súas instalacións acollen unha extensa programación, como lugar de colaboración con diversas entidades e organismos onde se desenvolven actividades formativas e tamén de investigación.

Artículo anterior

Heidelberg mantiene el ritmo

Siguiente artículo

Sergi Bellido: “Compartir conocimiento y experiencias es el valor fundamental de impriCLUB”