Renovado o mandato da Xunta Directiva do Clúster da Comunicación de Galicia

O Clúster da Comunicación de Galicia reelixiu como presidente a Xosé Luis Reza na asemblea electoral celebrada o 28 de abril


REDACCIÓN


A nova Xunta Directiva do Clúster da Comunicación de Galicia constituíuse este mércores tras as eleccións celebradas na Asemblea Xeral anual. Nesta nova Xunta está representada toda  a cadea de valor do Clúster (creatividade, deseño, márketing, márketing dixital, comunicación, edición, impresión e eventos), que aumentou recentemente coa incorporación do sector dos eventos, representado pola asociación OPC Galicia.

Esta nova directiva seguirá liderada por  Xosé Luis Reza, tras a súa reelección como presidente do Clúster para os vindeiros dous anos. Reza contará co apoio dunha Xunta Directiva enfocada en liderar novos proxectos e impulsar o crecemento e a consolidación do Clúster neste novo bienio.

Así, a Xunta Directiva está conformada por: David Silvosa Rivera, de Costa Comunicación, vogal e delegado de Deseño; María Teresa Díaz-Faes, de Dircom Galicia, vogal e delegada de Comunicación; Julián Abad Rodríguez, de Creatividade Galega, vogal e delegado de Creatividade; Ana María García Calvo, de OPC Galicia, vogal e delegada de Eventos; Emilio Arán Bernal, de Gráficas Anduriña, vogal e delegado de Impresión; Carla Reyes Uschinsky, de Executivas de Galicia, vogal e delegada de Igualdade; Mar Delgado López, de Atelier Gráfica Visual, tesoureira; Jacobo Bermejo Barrera, de Tórculo, secretario xeral; Alberto Garnil Rodríguez, de ICON, vicepresidente; e Xosé Luis Reza Pérez, de Markea, presidente.

Na Xunta Directiva está representada toda a cadea de valor da comunicación, na que se incorporan tamén os eventos

O presidente do Clúster quixo agradecer á nova Xunta a súa confianza para “continuar liderando un proxecto que xa ten máis de 13 anos, e que seguirá apostando por potenciar a cooperación entre empresas socias, a través de proxectos colaborativos de alto impacto que deriven na mellora da competitividade das empresas que forman parte do Clúster, xerando negocio e mellorando a visibilidade das mesmas, co obxectivo de situar ao sector como punto estratéxico no desenvolvemento industrial da Comunidade”. 

O Clúster da Comunicación de Galicia agrupa principalmente a pemes e asociacións sectoriais repartidas polo territorio das catro provincias galegas que traballan no ámbito das artes gráficas, da edición, da publicidade, da impresión, do márketing, do deseño, da creatividade, da comunicación e dos eventos. Este proxecto xurdiu no ano 2007 para dar resposta á necesidade de crear un espazo para incrementar a competitividade a través da innovación e a cooperación dos seus integrantes.

Artículo anterior
Periods For Periods

Periods For Periods: reivindicando a través de la tipografía

Siguiente artículo
Aguas de Mondariz

Aguas de Mondariz lanza Mondariz BeFruit