
Creatividade Galega convoca ao sector da publicidade e a comunicación a sumarse á celebración en Vigo e A Coruña
REDACCIÓN
A creatividade galega volve vestirse de celebración coa chegada dunha nova edición do San Publicito, unha cita xa imprescindible para as persoas que traballan no mundo da publicidade, o marketing e a comunicación.
A coñecida como Santa Campaña, organizada por Creatividade Galega, fai un chamamento aberto: todas as persoas do sector están convidadas a formar parte da celebración e a asistir ao tradicional Vermú da Publicidade.
A coñecida como Santa Campaña, organizada por Creatividade Galega, fai un chamamento aberto: todas as persoas do sector están convidadas
Segundo a organización, poden sumarse á Santa Campaña todas aquelas persoas que desenvolvan a súa actividade en medios de comunicación, axencias de publicidade, marketing dixital ou como profesionais independentes. Non hai distincións nin requisitos máis alá de pertencer ao sector: “Se es do sector, es parte da Santa Campaña”, sinalan, reivindicando o carácter inclusivo e comunitario do encontro.

A cabalo entre Vigo e A Coruña
Un ano máis, a celebración repartirá a súa programación entre Vigo e A Coruña, consolidando estas dúas cidades como puntos clave da creatividade galega. A primeira parada da Santa Campaña terá lugar nas localizacións dos patrocinadores do chamado primeiro vermú, onde as persoas asistentes poderán desfrutar dunha caña ou refresco nun ambiente distendido e de encontro profesional.
Un ano máis, a celebración repartirá a súa programación entre Vigo e A Coruña, consolidando estas dúas cidades como puntos clave da creatividade galega
Iso si, para participar nesta primeira xuntanza será necesario inscribirse previamente no listado de “almas perdidas”, un termo empregado con humor pola organización para referirse ás persoas “perdidamente namoradas da profesión”.
En Vigo, o punto de encontro será o Tita Rivera, situado na Praza de Compostela, 17. Pola súa banda, A Coruña acollerá o evento en La Teresa, na rúa Capitán Troncoso, 12. Dúas localizacións que servirán de escenario para reencontros, conversas, ideas e celebración colectiva dun sector que non deixa de reinventarse.
Para participar nesta primeira xuntanza será necesario inscribirse previamente no listado de “almas perdidas”
Co San Publicito, Creatividade Galega volve demostrar que a publicidade e a comunicación tamén se celebran, cun espírito aberto, colaborativo e, como non, cun vermú polo medio.