Récord en Flúor: máis de 300 asistentes e 1.200 usuarios online

Pontevedra será de novo a sede deste evento en 2022


MARÍA EIMIL


Máis de 300 persoas asistiron á terceira edición de Flúor, o Congreso Atlántico de Márketing Dixital, que acolleu a cidade de Pontevedra entre o xoves 7 e o venres 8 de outubro. Ademais, unhas 1.200 persoas seguiron a retransmisión das actividades que tiveron lugar no Auditorio Afundación. Tralo récord desta edición, os organizadores, o Clúster da Comunicación de Galicia e Markea, confirmaron que a cidade de Pontevedra será de novo a sede deste evento en 2022.

Un total de 15 conferencias, dúas mesas redondas e catro obradoiros celebráronse no marco de FLÚOR21, un evento que contou coa participación de directivos de empresas como Google, TikTok, Prestashop, Coca-Cola ou Movistar +, entre outros. A primeira xornada estivo centrada na estratexia de marca e os novos modelos de negocio, mentres que a segunda xornada puxo o foco no ecommerce.

A cidade de Pontevedra convertiuse durante dous días na capital do márketing dixital europeo

Relatores de primeiro nivel

A cidade de Pontevedra convertiuse durante dous días na capital do márketing dixital europeo, con expertos como Teba Lorenzo, brand partnerships lead da rede social Tik Tok; Carolina Fernández, account strategy lead de Google Shopping; ou Charo Orellana, communication associate director en Coca-Cola Europacific Partners.

O congreso Flúor foi inaugurado polo presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Xosé Luis Reza, e máis polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Durante a presentación, o primeiro deles fixo fincapé na importancia do convenio asinado coa Associação Portuguesa de Profissionais de Marketing (APPM), un acordo que, segundo explicou, “vai traer moitas alegrías, porque o país veciño ten moito que dicir no eido do márketing”.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que o goberno local está a traballar para “acadar unha cidade na que a creatividade, a innovación e as novas tecnoloxías sexan fundamentais”.

O turismo, na nova edición de Flúor

Ademais das conferencias, a programación de Flúor incluíu unha serie de mesas redondas e unha delas xirou arredor do turismo e da aposta deste sector pola venda directa, a sostenibilidade ou das redes sociais. O director xeral de OCA Hotels, Ramón Braña, explicou a necesidade de innovar “nun sector que quedou obsoleto” e subliñou a importancia de respondelas demandas do cliente actual, que busca máis enchufes e unha boa conexión WIFI, no canto dun televisor xigante, un obxecto que hoxe en día pode ter calquera na súa casa. Xunto a el estiveron o director de estratexia de marca en Palladium Hotel Group, Iñaki Bau, e mailo director de Alda Hotels, Alberto Rodríguez Boo.

Flúor mesa de turismo

O congreso Flúor contou co apoio de patrocinadores como o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, entidades e organizacións empresariais como Abanca, ICON y Avante Evolumedia, así como Dinahosting, Galicia Calidade, Redegal y Roi Scroll, xunto a colaboradores como Miraveo, Coca-Cola, Autocares Rías Baixas, Alda Hotels, entre outros.

Artículo anterior
VI Premios Paraugas finalistas

Xa están abertas as inscricións para participar nos VI Premios Paraugas

Siguiente artículo
leche Río

Campaña en femenino para vender la leche de Río de Galicia que toda vaca querría dar