Recados Carmen desprega a campaña falAI de Balidea e UVigo

O obxectivo é rexistrar o maior número posible de voces para adestrar unha intelixencia artificial que entenda o galego falado


ROCÍO MOARES


Que a intelixencia artificial entenda o galego falado. Ese é o obxectivo do proxecto falAI, creado pola empresa tecnolóxica Balidea en colaboración coa Universidade de Vigo. Co fin de crear o maior dataset de voces en galego do mundo e poder adestrar ás intelixencias artificiais, Balidea e a UVigo lanzaron o reto falAI a través da web falai.balidea.com para rexistrar o maior número de voces posibles.

A emoción, fío condutor

Para dar visibilidade ao proxecto, a axencia Recados Carmen puxo en marcha unha campaña en diferentes frontes para chegar a todos os públicos. Así, lanzaron dúas pezas audiovisuais que se caracterizan pola súa emotividade, nas que Aurora Maestre, a protagonista de “Xoves de Comadres”, representa situacións nas que os asistentes baseados na IA poderían axudar ás persoas máis vulnerables.

Un reto con humor

O cómico e presentador Iván Müller ofrece nas redes a súa particular visión da relación coas intelixencias artificiais. Ademais, o proxecto xa contou coa colaboración de Esther Estévez e de Virtudes, a Repunante, o alter ego cómico da xornalista María Foscaldo.

Tras sete días de campaña xa se logrou o primeiro obxectivo: superar as 100 horas de gravacións

Pero a campaña non só se difunde nas redes. Durante os primeiros días, enviáronse mensaxes explicativas a través de WhatsApp ou Telegram: pezas dun minuto que solicitaban o apoio de todos e alertaban do perigo para unha lingua de non estar presente na revolución tecnolóxica do futuro.

Grazas ás 230 horas que xa recolle falAI, a intelixencia artificial xa entende a retranca!

#a30frases

O proxecto continuará aberto ata finais de marzo. O obxectivo é acadar 300 horas e 360.000 gravacións con todos os trazos dialectais de Galicia. Ademais de gravar 30 frases coas que axudar a que medre o dataset, os participantes optan a premios como consolas de videoxogos ou experiencias de benestar.

Tras sete días de campaña xa se logrou o primeiro obxectivo: superar as 100 horas de gravacións. É máis, xa están nas 230 horas e seguen subindo, polo que agora a IA xa entende a retranca!

Artículo anterior

Las tendencias en el ámbito de la impresión, a debate en el Total Print Congress

Siguiente artículo
ONCE-Dia-del-Padre

Ogilvy firma la divertida campaña de la ONCE con motivo del Día del Padre