Sonia Gandasegui e Dani Pino
Fundadores de Ratas con Faca
“Queriamos sumar un espazo na cidade para o encontro arredor do deseño”
MARCOS NEBREDA
Como xurdiu o proxecto Ratas con Faca e con que obxectivos? Durante a pandemia viviamos nun piso moi pequeno e o feito de teletraballar, vivir e crear nun mesmo sitio aumentou aínda máis esa sensación de estar encerrados e apertados. Por iso comezamos a buscar un taller, cerca da casa, que funcionara como unha extensión do noso salón e que ademais nos permitira conectarnos coa comunidade creativa da cidade e do resto de Galiza. O que queriamos era sumar un espazo na cidade para o encontro arredor do deseño, e decidimos engadir o concepto de tenda de barrio ao proxecto.
Que podemos atopar na tenda de Ratas con Faca e que a fai diferente? Ratas con Faca aglutina unha coidada selección arredor do deseño que visibiliza a calidade da produción de artistas galegas e galegos no eido da gráfica, da cerámica, do téxtil, da xoiaría e do obxecto. Sumamos tamén unha selección de libros de deseño de editoras de todo o mundo e as nosas propias creacións: xoias deseñadas e realizadas á man por Sonia e obra gráfica de Dani. O enfoque do espazo é ser un lugar desenfadado, fresco e onde atopar obras alternativas. Posiblemente isto é o que máis nos diferencia: a fidelidade pola calidade da obra seleccionada por encima de solucións probadas e comerciais.
Que valores e que filosofía están detrás da marca? Os nosos valores pivotan entre o bo deseño, a produción local e o encontro. Respecto a este último punto, a día de hoxe as redes sociais e a venta online facilitan enormemente emprender pequenos proxectos arredor da produción artística e do deseño, pero nós o que queremos é intervir nesa venda e que as nosas e os nosos clientes atopen un lugar de confianza cunha selección de produtos moi mimada e ben curada. Coidamos moito o conxunto de pezas seleccionadas, buscando que entre todas se potencie a individualidade que fai especial a cada unha delas.
Que obxectivos a medio prazo vos marcades? A realidade é que ao compaxinar este proxecto co noso traballo habitual réstanos tempo para organizar unha programación complementaria de eventos e talleres, así como a creación e mantemento da tenda online que nos permita conectar con público fóra de Santiago. Sen dúbida, estes son os nosos obxectivos a medio prazo para así visibilizar máis o espazo. Polo momento, o horario de portas abertas é moi reducido: venres pola tarde e sábado pola mañá. Por unha banda gustaríanos ampliar este horario e pola outra avanzar no noso proxecto persoal, baixo o que estamos comezando a desenvolver as nosas creacións: Faca Lab.
Como credes que o bo deseño pode achegar valor a unha marca e facer que venda máis? Consideramos que o bo deseño aporta criterio e coherencia a unha marca. Mellora a comunicación e a súa percepción por parte das persoas. Incrementa a súa potencia estética e pon de manifesto as súas calidades funcionais.