PuntoGal súmase á Global Cyber Alliance

Con esta colaboración o dominio reforza a súa aposta pola ciberseguridade no ecosistema dixital galego


REDACCIÓN


PuntoGal acaba de asinar a súa incorporación á Global Cyber Alliance (GCA), a organización internacional creada en 2015 para afrontar os riscos cibernéticos e facer da rede un lugar máis seguro. O dominio convértese así na primeira entidade galega en sumarse a esta alianza global, dentro da súa política de reforzar a seguridade do ámbito dixital. Segundo sinalaron ambas partes, o obxectivo desta colaboración é fomentar a confianza no ecosistema dixital galego, do que PuntoGal é unha peza fundamental.

O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, explicou que “a seguridade é un dos valores fundamentais do dominio. Desde a súa posta en marcha, mantemos unha política activa neste ámbito, co emprego de ferramentas e controis que reforzan a necesaria confianza que debe espertar un dominio no que as identidades están vencelladas ao territorio e ás empresas, entidades ou iniciativas galegas”.

Para Darío Janeiro, “a incorporación á Global Cyber Alliance supón un paso relevante nese compromiso da man dunha alianza internacional que fornece ferramentas técnicas, información actualizada e conta cun programa de divulgación sobre unha das principais preocupacións dos usuarios da rede”. Janeiro tamén sinalou que “o dominio seguirá colaborando no ámbito da seguridade dixital con novas iniciativas nas que está xa traballando”.

Deste xeito, o convenio ofrecerá protección aos dominios baixo o paraugas de .GAL, coa incorporación á plataforma Domain Trust, un proxecto promovido pola GCA para facilitar o intercambio de información sobre dominios maliciosos, unha das infraestruturas esenciais usadas pola ciberdelincuencia.

Ademais, PuntoGal implementará un programa para darlle a coñecer aos usuarios do dominio e ao público en xeral os recursos gratuítos de ciberhixiene creados polo GCA e os seus socios, como a Caixa de Ferramentas de Ciberseguridade, o Portal de Formación ou as guías e recursos para a implantación do protocolo DMARC de protección do correo electrónico.

O convenio ofrecerá protección aos dominios baixo o paraugas de .GAL, coa incorporación á plataforma Domain Trust

O director de participación activa no programa de integridade de Internet da GCA, Alejandro Fernández-Cernuda Díaz, asegurou que “aínda que pareza paradoxal, o obxectivo global da GCA –conseguir que o Internet sexa un espazo máis seguro para todos– tamén pasa por saber ser local. Para a GCA, alianzas coma a que acabamos de asinar con PuntoGal son esenciais, xa que permite chegar ao centro de ecosistemas ben consolidados onde poder demostrar a efectividade das nosas solucións”.

“Grazas a PuntoGal, vamos ter unha conexión directa co tecido administrativo, cultural e empresarial galego, e unha oportunidade única de crear, dende o terreo, un espazo de confianza e seguridade co que apoiar a dixitalización e a xeración de riqueza en Galicia”, engadeu Alejandro Fernández-Cernuda.

Cooperación

Por último, o acordo entre PuntoGal e a GCA inclúe tamén un capítulo de cooperación, ofrecendo ao GCA a posibilidade de presentar os seus programas e proxectos nos foros nos que participa PuntoGal, tanto a nivel galego como internacional, e nas entidades coas que ten convenios, facendo máis doada a adopción de ferramentas e boas prácticas de seguridade na rede.

O GCA, pola súa banda, conta con PuntoGal para participar activamente no seu traballo co resto de socios que integran tanto a alianza como o proxecto Domain Trust.

Artículo anterior
Rodolfos

Pescanova sorprende con sus ‘feos’ Rodolfos en Navidad

Siguiente artículo

La colección de vasos para el café que todo fan del Deportivo querrá tener