PuntoGal celebra o 17 de maio e o Día Mundial de Internet publicando 17 guías para empregar o galego na rede
PuntoGal quixo celebrar o Día das Letras Galegas e o Día Mundial de Internet poñendo a disposición de toda a comunidade galega na rede unha serie de 17 guías básicas para posibilitar o uso do galego na rede, tanto no ordenador coma no teléfono móbil, e nas solucións ofimáticas máis utilizadas. Estas guías, pensadas como manuais gráficos moi sintéticos, pódense consultar na seguinte ligazón: dominio.gal/guias.
Ademais, aproveitando a ocasión, ofrece unha atractiva rebaixa no prezo dos novos dominios. Nos rexistradores sumados a esta promoción, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 15 euros máis IVE (os prezos rebaixados están vixentes desde o día 15 e ata o 30 de maio).
Para poder gozar desta promoción, é preciso dirixirse ás empresas rexistradoras Dinahosting, INWX, CDMon, Blacknight, Openprovider, Entorno Digital, Arsys e OVH.com, que ofrecen distintas políticas de prezos e servizos con rexistro de dominios novos. PuntoGal recomenda visitar todas as páxinas das empresas participantes na promoción e atopar a que se adapte mellor ás necesidades (a información atópase na páxina www.dominio.gal/promocions).
Maior visibilidade
PuntoGal, que xa supera os 5.950 dominios rexistrados, segue traballando para que todas aquelas persoas, asociacións, institucións e empresas que queiran visibilizarse na rede como parte da comunidade galega poidan facelo.
O dominio segue a manter o seu programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Entre as actividades xa realizadas figura a colaboración coa localización en galego do navegador Firefox, o concurso de microrrelatos coa RAG, o apoio ao Día das Rapazas nas TIC do CESGA, a First Lego League Galicia ou o patrocinio das seleccións galegas de fútbol gaélico. O dominio forma parte, igualmente, da Asociación Internacional de Dominios Geotlds, do RYSG Group e participa activamente das actividades da ICANN, organismo internacional que xestiona a rede a nivel mundial.