PuntoGal patrocina as escolas de fútbol gaélico

Manuel González, presidente do dominio, e Ángel Negrete, presidente da AGFG, durante a sinatura do convenio.

O dominio amplía a súa colaboración coa Asociación Galega de Fútbol Gaélico cun programa de formación deportiva de base e unha web informativa sobre este deporte

A Federación Galega de Fútbol (FGF) en Santiago, situada no estadio municipal Vero Boquete de San Lázaro, acolleu recentemente a sinatura do acordo polo que PuntoGal se converte no patrocinador principal de Gaélico Escolas, o proxecto de formación deportiva de base da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). No acto estiveron presentes o presidente da AGFG, Ángel Negrete, así como o presidente do dominio, Manuel González, e o director xeral, Darío Janeiro.

O convenio, que amplía a colaboración do dominio con este deporte, permitirá a celebración de campus formativos sobre fútbol Gaélico entre os máis novos, así como sesións e charlas informativas en centros educativos.

A primeira das actividades celebrarase esta semana en Gondomar. Alí, rapazas e rapaces de entre oito e 17 anos, coñecerán as habilidades técnicas e tácticas do fútbol gaélico dun xeito ameno e divertido, mesturando xogos do propio deporte con outros de corte máis lúdico. Este campus está dirixido por membros do clube local, o Turonia Gondomar F.G., en colaboración con concello de Gondomar, e contará coa presenza dos seleccionadores galegos na súa xornada final, o venres 27 de agosto.

Durante a sinatura do convenio tamén se presentou a camiseta oficial das Gaélico Escolas, que levarán os participantes nestas actividades e explicouse o proxecto posto en marcha: unha web informativa onde a AGFG e PuntoGal informarán sobre as actividades desenvolvidas e darán a coñecer os fundamentos do deporte.

Proxecto de referencia en Europa

O presidente da Asociación de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete, destacou a trascendencia deste convenio de patrocinio, xa que, “grazas ao compromiso continuado de PuntoGal, que se remonta ao ano 2018, podemos continuar avanzando como proxecto de referencia na escena do fútbol gaélico internacional, promocionando o nome da nosa terra e cultura por todo o mundo”.  

Na súa intervención, Ángel Negrete sinalou que Gaélico Escolas pretende “dar un paso adiante na implantación do fútbol gaélico en Galicia, e ser un proxecto de referencia en Europa. Ata o de agora, gran parte do traballo da asociación foi dar a coñecer na sociedade a existencia deste deporte, obxectivo que cremos que, aínda sendo evidentemente minoritario, foi acadado”. “Cremos que é o momento de entrar na seguinte fase, a de consolidación, e esta pasa por crear unha estrutura sólida de deporte base, onde as nenas e os nenos teñan o fútbol gaélico coma unha opción máis dentro da súa oferta deportiva. Trátase ademais dun proxecto transversal, no que queremos implicar tanto aos clubs de fútbol gaélico coma outro tipo de entidades como escolas, ANPAS, etc. Sen base, non hai futuro”, engadeu.

Ángel Negrete sinalou na sinatura do convenio que “este apoio permitirá dar a coñecer esta disciplina deportiva a máis de 1.000 nenos en Galicia no curso 2021-22”

Pola súa parte, o presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou no acto de presentación que “con este convenio PuntoGal trata de fomentar o deporte vinculado á identidade galega. E o fútbol gaélico é unha actividade deportiva que leva o nome de Galicia por todo o mundo, e de maneira moi especial polos países de raíces celtas”. “Estamos seguros de que este apoio á Federación Galega de Fútbol Gaélico vai contribuír a difundir entre a nosa mocidade esta modalidade que tan ligada está ao nome de Galicia”, asegurou Manuel González.

Manuel González e Darío Janeiro, de PuntoGal.

Pola súa banda, o director xeral do dominio, Darío Janeiro, destacou que PuntoGal “ve aliñados os valores do fútbol gaélico, a inclusividade, o traballo en equipo e a deportividade cos que se queren promover desde Gaélico Galego, que non deixa de ser un xeito máis de facer comunidade”.

Nesta liña lembrou que este é o segundo convenio que o dominio asina coa AGFG logo do que permitiu o patrocinio das seleccións femininas e masculinas deste deporte. Darío Janeiro lembrou algúns dos proxectos nos que actualmente colabora o dominio e que se poden consultar na nova páxina da asociación (asociacion.gal) e fixo fincapé en que o crecemento no número de dominios rexistrados irá posibilitando, pouco a pouco, máis accións deste programa corporativo, que na súa opinión constitúen, sen ningunha dúbida, unha das razóns de ser de PuntoGal.

PuntoGal é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal”. A día de hoxe, conta máis de 6.000 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares.

Artículo anterior
Heidelberg Asia

Heidelberg continúa su expansión en Asia

Siguiente artículo
Lucía González

Lucía González: “Nuestro objetivo es ayudar a que las pymes y micropymes puedan digitalizarse”