PuntoGal impulsa o deporte galego cunha nova web para as escolas de fútbol gaélico

Os usuarios da web atoparán información sobre as regras e técnicas do fútbol gaélico, así como noticias vencelladas a este deporte


PABLO LÓPEZ


Hoxe abriuse o acceso á nova web na que PuntoGal e a Asociación de Fútbol Gaélico informarán das actividades relacionadas con este deporte pensadas, sobre todo, para a xente máis nova. Gaelicoescolas.gal é unha páxina divulgativa sobre este deporte, con todo tipo de artigos e guías sobre as súas regras e técnicas, incluído contido multimedia. O sitio complétase cunha sección de noticias e cunha axenda de actividades.

A web forma parte do convenio de colaboración establecido entre ambas entidades para promover un deporte que, en palabras do director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, ten “valores deportivos aliñados cos de PuntoGal, nomeadamente a inclusividade, a colaboración e a creación de comunidade, dado o carácter necesariamente local dos equipos”.

“O fútbol gaélico é un dos deportes que fan que Galicia e a súa cultura se coñezan no exterior”, salienta o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro.

Para Janeiro, este deporte é “un dos deportes que fan que Galicia e a súa cultura se coñezan no exterior, dada a calidade das seleccións masculina e feminina”.

Implicación dos clubes e das escolas

Pola súa banda, Ángel Negrete, presidente da Asociación de Fútbol Gaélico quixo agradecer a colaboración de PuntoGal. “Pretendemos dar un paso adiante na implantación do deporte en Galicia e que as nenas e nenos teñan o fútbol gaélico como unha opción máis dentro da súa oferta deportiva. Trátase dun proxecto transversal no que queremos implicar tanto aos clubes de fútbol gaélico como a outro tipo de entidades como escolas ou ANPAS”,sinalou, antes de engadir que “o proxecto permítenos avanzar na seguinte fase, a de consolidación, e seguir sendo unha referencia en Europa”.

A Asociación de Fútbol Gaélico conta con 300 membros e 10 clubes en activo. PuntoGal é a entidade que xestiona o dominio de internet .gal. A día de hoxe, conta máis de 6.200 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares.

Artículo anterior
storytelling

Carla González: “Para conectar con la audiencia, el storytelling debe ser relevante para ella”

Siguiente artículo
Audio digital

El audio digital: una apuesta fuerte para conectar con el público